Rajoy non descarta o rescate directo

O presidente español non adianta os plans do goberno, mais asegura que se reducirá o gasto das administracións públicas e aumentará os seus ingresos a través da suba de impostos.
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

Mariano Rajoy debullou esta sexta feira en conferencia de prensa, as liñas económicas que seguirá o goberno e que en síntese, se centrarán na redución do déficit público --tal e como exixe a UE e os organismos financeiros internacionais-- e a adopción de máis reformas que se suman ás aprobadas ao longo da lexislatura. O presidente do goberno español, salientou a importancia da reforma laboral que ao seu entender, "constitúe un instrumento de primeira orde para evitar a masiva destrución de emprego". Segundo os últimos datos da EPA, o número de desempregad@s medrou na Galiza un 17% respecto do ano anterior superando o 21% o número de parad@s. Así mesmo, o 20% das novas persoas desempregadas no Estado español son galeg@s. Doutra banda, e segundo o propio ministerio de Traballo, o número de EREs non pactados aumentou nun 567% desde a aprobación da reforma laboral.

Adiantou Rajoy que o goberno español pagará 8.000 millóns de euros máis este ano en xuros procedentes da débeda, que supera os 900.000 millóns de euros.

Nas preguntas d@s xornalistas, o presidente do goberno español evitou dar resposta a cuestións controvertidas como a ampliación da axuda de 400€ a persoas desempregadas de longa duración --prestación que caduca o vindeiro 15 de agosto-- da cal dixo "non adoptamos ningunha decisión". Así mesmo non descartou a petición dun rescate directo da economía española, de igual xeito que non o fixera a pasada quinta. Segundo Rajoy o goberno español adoptará as decisións que "máis conveñan aos intereses" da cidadanía.

Máis Europa
Rajoy defendeu no seu discurso o proxecto europeo.  As súas palabras encamiñábanse a calmar as ansias dos esfameados mercados financeiros, cuxa voracidade atacaba a economía española nas últimas horas de onte. Asegurou ter enviado senllas misivas aos presidentes da Comisión e o Consello, en que amosaba o seu posicionamento respecto dunha maior integración política na UE.

Lapsus mental, nunha espiral interminábel

Nun discurso perfectamente circular, que non saía en ningún momento das ideas que mantén desde o inicio da lexislatura, Mariano Rajoy viviu un lapsus mental ao asegurar que "ningún grupo político propuxo un referendo" respecto da política de recortes desenvolvida polo goberno do PP. O BNG propuxo en reiteradas ocasións a convocatoria dunha consulta popular, así como foi exixida nas sucesivas e masivas manifestacións que percorreron as rúas galegas despois das últimas tesoiradas aos servizos públicos e aos dereitos das maiorías sociais. Terá que atinar máis os seus recordos na vindeira ocasión. 

Máis en Mundo
Comentarios