Que teñen en común Stalin, Hitler, ETA e Artur Mas?

Para Telemadrid o uso da linguaxe vincula o fascismo de Hitler co independentismo catalán. A reportaxe asegura que todos eles "impuxeron a súa linguaxe á sociedade". As testemuñas recollidas denuncian a "normalización lingüística" defenden o uso de topónimos deturpados e, como non, "a noción de España". Vídeo no interior

Unha polémica reportaxe emitida por Telemadrid vincula imaxes de Stalin, Hitler, ETA e Artur Mas. Baixo o título de A imposición e a perversión da linguaxe a televisión autonómica compara o nazismo e o stalinismo coa organización basca e o proceso independentista catalán.

A reporteira emprega tendenciosamente as mensaxes para transmitir posicionamentos españolistas. O mesmo que di criticar. 

 

"Obsesionado por igualar a súa linguaxe vive o nacionalismo", asevera a xornalista Cristina Ortega ao tempo que encadea imaxes do fascismo nazi co president da Generalitat. Para a madrileña "o dereito a decidir" quere dicir "ruptura" e "normalización lingüística" máis ben "imposición".

A toponimia é segundo as voces recollidas na información "un alarde de poder" ao lle exixir @s españois empregar termos orixinais e non deturpados mais que para aquelas persoas que falan español son máis unha forma de imposición.

Profesores de universidade defenden o uso de termos como "Gerona", "Orense", "La Coruña" ou "Lérida". As redes sociais ferveron cunha información nesgada que presenta o que a xornalista considera "piruetas semánticas" como estratexias de comunicación "propias de réximes totalitarios".

Neste senso, Ortega afirma con rotundidade que ETA "impuxo a súa semántica do terror" e, como non, a "esquerda" --ilustrada con imaxes do PSOE-- é sinalada como responsábel dese trunfo ao se "unir aos nacionalismos".

Finalmente, a reportaxe chama á "resistencia" contra "a imposición" nun exercicio "de coherencia" propio do mesmo Goebbels.

Máis en Mundo
Comentarios