Protestas internacionais ante os indicios de asasinato masivo de estudantes en Iguala

AI critica duramente ás autoridades de México pola desaparición de 43 estudantes e lembra que non se tomaron as medidas axeitadas nin se depuraron corpos policiais após os ataques de Ayotzinapa hai tres anos

iguala-crop
photo_camera Iguala

Amnistía Internacional (AI) e outras moitas organizacións tanto dentro de México como de todo o mundo, criticaron este sábado ás autoridades do país pola súa "complicidade" na desaparición e moi posíbel asasinato -segundo a testemuña dalgúns detidos- dos 43 estudantes de Iguala, xa que ignoraron de forma "neglixente" os sinais que advertían dunha traxedia deste nivel. A ONG denunciou nun comunicado que a investigación sobre a desaparición dos coñecidos como “normalistas” é incompleta e segue sen entrar a fondo nos vínculos entre as administracións locais e o crime organizado.

43 persoas seguen desaparecidas pero testemuñas detidas afirman que foron asasinadas

Segundo a portavoz de AI, Erika Guevara, a desaparición dos estudantes "é só o último feito nunha longa serie de horrores" ocorridos no estado de Guerrero e noutras partes do país. "Os sinais de alerta de corrupción e violencia estiveron aí durante anos e aqueles que as ignoraron son tamén cómplices da traxedia", engadiu.

Amnistía Internacional criticou que o procurador xeral, Jesús Murillo Karam, trate de definir á desaparición como un crime illado. Neste sentido, lamentou que non aluda aos erros das autoridades por non investigar ao alcalde de Iguala e non depurar a Policía tras outro ataque contra estudantes en Ayotzinapa en 2011

Máis en Mundo
Comentarios