domingo 12.07.2020

Prisión para os primeiros banqueiros islandeses pola crise

A xustiza deste pequeno país de pouco máis de 300.000 habitantes condena a Larus Welding, ex-conselleiro delegado do banco Glitnir, e Gudmundur Hjaltason, un colaborador seu, a nove meses de cárcere por estaren implicados na mala situación do seu banco, un dos causantes do afundimento económico de Islandia en 2008.
Banco Glitnir de Islandia
Banco Glitnir de Islandia

A xustiza de Islandia continúa a poñer nomes e apelidos aos responsábeis da crise financeira do seu país. Os préstamos sen garantías por un valor de 102 millóns de euros a unha sociedade para que pagase unha débeda con Morgan Stanley foi proba abonda para que Larus Welding, ex-conselleiro delegado do banco Glitnir, e Gudmundur Hjaltason, un colaborador seu, teñan que pasar nove meses en cadea.

Os feitos aconteceron en 2008 cando tres das catro entidades bancarias dese país quebraron e provocaron un desastre económico do cal aínda se está a recuperar. As malas prácticas destes directivos, como proba a sentenza, causaron o afundimento da entidade ao vulnerar as propias regras da entidade financeira. É a primeira vez na historia dese país que se toman medidas deste tipo.

As malas prácticas destes directivos, como proba a sentenza, causaron o afundimento da entidade ao vulnerar as propias regras da entidade financeira.

A investigación da crise económica de Islandia afectou tamén ao daquela primeiro ministro, Geir Haarde, que reaccionara nacionalizando a banca. O seu caso resolveuse no mes de abril coa declaración da súa inocencia en tres das catro acusacións que se lle imputaban. A situación económica deste país provocou, no seu momento, un movemento de protesta e a celebración de dúas consultas populares sobre cal sería a solución para a importante débeda externa dos bancos islandeses. A diferenza do que acontece no Estado español, o modelo islandés deixou crebar as entidades e renegociou a débeda cos acredores sen ingresar cartos públicos. Tamén decidiron levar aos tribunais políticos e banqueiros.

A resolución do tribunal con estes banqueiros aínda rebaixou a solicitude do Fiscal que pedía cinco anos e medio de prisión para Welding, e cinco anos para Hjaltason.

comentarios