INFORMACIóN, AO VIVO, DESDE TURQUíA

O HDP, pro curdo, supera o 10% que precisaba para estar no Parlamento turco

[ACTUALIZADA ÁS 19.33] A membro de Mar de Lumes Ximena González confírmanos os resultados das eleccións turcas. Con menos do 3% das votos por contar, advirte de que o AKP, partido gobernamental, non chega ao 50% das papeletas, mentres que o HDP, formación pro curda, supera o 10% dos votos, o que lle permite ter oco no Parlamento.

[Imaxe: Mar de Lumes] Eleccións turquía
photo_camera [Imaxe: Mar de Lumes] Eleccións turquía

Desde Turquía, Ximena González, integrante de Mar de Lumes, achéganos a última hora en relación aos comicios que tiveron lugar hoxe no país. Tras fecharen as portas os colexios electorais do leste, os últimos en fechar, dá conta dos resultados, que lle outorgan un 10,2% ao HDP -formación pro curda-, cifra que lle permite estar no Parlamento, "embora a guerra sucia do goberno e todas as súas irregularidades". O APK, partido de Erdogan, non consegue chegar ao 50% dos votos. 

Ao longo da tarde, namentres se coñecían os primeiros resultados, a observadora galega denunciaba dúbidas sobre os resultados que ía achegando o Goberno. Entre outras irregularidades, denunciou que a comisión electoral apagou o seu sistema de reconto online cando aínda non estaban escrutados todos os votos.

A activista de Mar de Lumes alerta de disparos e cargas policiais en Diyarbakir

Segundo Ximena González, que acudiu a Istambul como observadora internacional das eleccións, durante o reconto "o goberno colocou camións anti disturbios apuntando os cañóns cara ás sedes do HDP e en Cizre a policía atacou coches oficiais do HDP que escoltaban o traslado de papeletas ao Consello Electoral”, denuncia.

[Imaxe: Mar de Lumes]A membro de Mar de Lumes alertou de que "na cidade curda de Erzurum, a militancia do AKP fuxiu cos votos en transporte público". Tamén deu conta de que as persoas habitantes de Diyarbakir saíron as rúas a protestar diante das irregularidades ao longo da xornada electoral. A mocidade "respondeu con pedras contra camións policiais e contra os antidisturbios, que cargaron contra as manifestantes".

Represión ao longo da xornada electoral

A membro de Mar de Lumes informou dunha serie de irregularidades que tiveron lugar ao longo da xornada. Así, explicou que varios observadores do Kurdistán Sur foron detidos en Diyarbakir e asegurou que as delegacións internacionais tiveron problemas para entrar nos colexios electorais en case todas as zonas do Kurdistán, particularmente en grandes cidades curdas como Batman. “En Bingol, os electores foron obrigados a depositar o voto co sobre aberto, baixo ameaza de agresións por parte da policía ou detencións”, salientou a integrante de Mar de Lumes, quen advertiu de que en Istambul detiveron un observador da delegación grega.

Ximena González dá conta de episodios de carretaxe e represión por parte do partido de goberno

Tanto a delegación galega como partidos da oposición denunciaron nun colexio de Eyüp "a carretaxe de persoas con enfermidades mentais por parte do AKP". "Tamén denunciamos varios carros sen placas de matrícula estacionados diante de multitude de colexios por todo o territorio; o que se entende como un evidente apelo ao medo despois do atentado de Ankara de hai 2 semanas e destes cinco meses de ataques e terrorismo de Estado contra o HDP e militantes curdos", apuntou a representante de Mar de Lumes. Outra acción da delegación galega foi o acompañamento de avogados do HDP para denunciar o voto de persoas que non figuran o censo nun colexio no distrito de Gaziosmanpaşa (Istambul).

Máis en Mundo
Comentarios