INFORMACIóN AO VIVO CON XIMENA GONZáLEZ, DE MAR DE LUMES

Preocupación pola manipulación e irregularidades nas eleccións de Turquía

[ACTUALIZADA ÁS 18H] A integrante de Mar de Lumes Ximena González nárranos desde Turquía como transcorre a xornada electoral. Os primeiros resultados parciais apuntan a unha clara vitoria do AKP, partido do goberno, co 50,3% das papeletas e danlle un 10,2% dos votos ao HDP, formación pro curda.

“A delegación galega conseguiu entrar en varios colexios electorais no distrito de Eyüp, en Istambul. A tranquilidade que se observou aquí contrastou fortemente coa presenza de militares e policía armada nos colexios electorais da zona curda; e coas negativas deses corpos a deixar acceder ás delegacións internacionais que se encontran nesa zona”, sinalou a observadora galega.

As delegacións internacionais tiveron problemas para entrar nos colexios electorais en case todas as zonas do Kurdistán, particularmente en grandes cidades curdas

Ximena González indicou que varios observadores do Kurdistán Sur foron detidos en Diyarbakir. Ademais, asegurou que as delegacións internacionais tiveron problemas para entrar nos colexios electorais en case todas as zonas do Kurdistán, particularmente en grandes cidades curdas como Batman. “En Bingol, os electores son obrigados a depositar o voto co sobre aberto, baixo ameaza de agresións por parte da policía ou detencións”, salientou a integrante de Mar de Lumes, quen advertiu de que en Istambul detiveron un observador da delegación grega.

Tanto a delegación galega como partidos da oposición denunciaron nun colexio de Eyüp "a carretaxe de persoas con enfermidades mentais por parte do AKP". "Tamén denunciamos varios carros sen placas de matrícula estacionados diante de multitude de colexios por todo o territorio; o que se entende como un evidente apelo ao medo despois do atentado de Ankara de hai 2 semanas e destes cinco meses de ataques e terrorismo de Estado contra o HDP e militantes curdos", apuntou. Outra acción da delegación galega foi o acompañamento de avogados do HDP para denunciar o voto de persoas que non figuran o censo nun colexio no distrito de Gaziosmanpaşa (Istambul). 

Ximena González: "O HDP considera as observadoras internacionais a chave destas eleccións, pois esperan todo tipo de manobras do AKP (o partido no goberno, de Erdogan)"

As eleccións desenvólvense con máis de 300 observadoras internacionais

A membro de Mar de Lumes explica que hai máis de 300 observadoras internacionais divididas en 19 provincias. “En Istambul é onde fica a delegación galega, xunto con avogadas e membros do HDP, para axudar a monitorizar o proceso e asesorar. A sede do partido en Istambul ten un precinto de seguranza e é necesario comprobar cada persoa que accede polo medo as ameazas de bomba”, indica Ximena González. “Nesta situación, o HDP considera as observadoras internacionais a chave destas eleccións, pois esperan todo tipo de manobras do AKP (o partido no goberno, de Erdogan)”, advirte.

Ximena González salienta que existe “moita preocupación pola manipulación do proceso. Erdogan incrementou a presión en todo o país para conseguir a maioría de goberno, sobre todo na zona curda”. Neste contexto, “agárdanse numerosas irregularidades e ilegalidades neste proceso, como xa houbo no anterior. Coa escusa da inseguridade na zona curda polos ataques, o goberno está a deslocar gran cantidade de forzas de represión e limita os movementos da poboación, o que vai dificultar enormemente a participación”.

A membro de Mar de Lumes denuncia a persecución que sofre o HDP por parte do Goberno turco

A representante de Mar de Lumes advirte que “a presión e moito máis forte en zonas onde o HDP e hexemónico. Sufriron numerosos ataques nas sedes do partido nestes meses e a seguridade levou a reducir ao mínimo a campaña electoral. Recibiron ameazas do Isis, mas sospeitan que o propio estado está detrás”. Indícanos como exemplo que no Kurdistán non se permitiu colocar propaganda electoral e no resto do país o Estado mandou retirar as brochuras e cartaces. Ademais, informa da detención de máis de 600 cadros, responsábeis do partido, concelleiras e traballadoras. “Editaron un manifesto que o goberno declarou ilegal e mandou recoller as brochuras. Houbo detencións por repartila”, apunta.

Aínda que se creou un movemento de voluntarias composto, sobre todo, por xente nova para colaborar nas eleccións, o Goberno decretou que non poden estar no entorno das mesas electorais, sinala a representante de Mar de Lumes, que nos explica que o estado autorizou a policía e seguridade privada a decidir “quen entra ou non nas sedes de votación”. De feito, cumpríronse as previsións e neste momento, “na maioría das mesas, non permiten o acceso de observadores internacionais, nin de apoderados do HDP”.

Ximena González: "A forte represión que tivo lugar no Kurdistán nas semanas previas están encamiñada a dividir o movemento"

O contexto

Desde Istambul, Ximena González pon de manifesto que “a forte represión que tivo lugar no Kurdistán nas semanas previas están encamiñada a dividir o movemento. A presión esténdese aos movementos sociais que incrementan o cuestionamento do AKP e reclaman o fin da presión sobre as curdas”. “Achan que o forte crecemento do apoio ao partido significa que a xente está a identificar a loita do pobo curdo como a defensa da paz e a democracia fronte ao que representa Erdogan”, salienta.

A observadora galega apunta que se percibe un “clima de guerra civil após a matanza en Ankara e o incremento da presión militar e política da zona kurda”. “O facto de Erdogan bombardear os que loitan contra o Isis incrementa a oposición e a visión da necesidade dunha alternativa, mesmo coa cantidade de asasinatos que hai sobre a mesa”, afirma.

Máis en Mundo
Comentarios