Éxodo a Europa

Persoas migrantes ou refuxiadas? ACNUR esixe responsabilidade

A Axencia da ONU para Refuxiados e Refuxiadas (ACNUR) empraza a empregar o termo “refuxiadas” e non o de “migrantes” para se referir ás persoas que tratan de entrar en Europa en embarcacións precarias a través do Mediterráneo.

[Imaxe: UNHRC/McConnel] Refuxiados entran en Europa
photo_camera [Imaxe: UNHRC/McConnel] Refuxiados entran en Europa

Nos últimos días, os medios de comunicación fanse eco dos milleiros de desprazamentos forzosos que están a ter lugar desde Siria ou O Iraq cara a Europa. Dado o uso indiscriminado das palabras “refuxiados” e “migrantes”, ACNUR vén de emitir un comunicado no que explica as diferenzas que se dan entre ambos os termos e os problemas que implica a confusión.

ACNUR insta a empregar o termo “refuxiadas” para as persoas que nos últimos días tratan de acceder a Europa a través de Grecia e se dirixen cara Alemaña. E é que estas persoas foxen de conflitos armados ou persecución. “Con frecuencia, a situación é tan perigosa e intolerábel que deben cruzar fronteiras internacionais para buscar seguridade nos países próximos e converterse en refuxiados”, sinala a axencia da ONU. “Para estas persoas, a denegación do asilo ten potencialmente consecuencias mortais”, engade.

Este órgano da ONU expón que o dereito internacional define e protexe as persoas refuxiadas (Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951 e o seu Protocolo de 1967; a Convención da OUA ou a Declaración de Cartagena sobre os Refuxiados de 1984). “Os Estados teñen a responsabilidade primordial desta protección”, advirte a axencia.

O portavoz de ACNUR, Adrien Edwards, sinala que os migrantes saen dos seus países para melloraren as súas condicións de vida ou para se xuntaren coas súas familias. Se quixesen regresar, salienta, poderían facelo e se o fixesen continuarían a recibir a protección por parte dos respectivos gobernos.

No texto, onde se advirte de que hai case 60 millóns de persoas obrigadas a desprazarse, recóllese que a meirande parte das persoas que este ano están chegando a Grecia e a Italia son refuxiadas e precisan de protección, embora algunha destas persoas poidan ser consideradas migrantes.

ACNUR insta os países europeos a actuaren con humanidade

A axencia da ONU pon de manifesto que as persoas refuxiadas que chegan a Europa "necesitan protección internacional" e salienta que "están fisicamente exhaustas e piscoloxicamente traumatizadas". Neste contexto, ACNUR fai un chamamento a todos os gobernos implicados para dar respostas integrais e para actuar "con humanidade e de conformidade coas súas obrigas internacionais".

"Se ben as cifras son abrumadoras para a capacidade de países a nivel individual, como Grecia, Macedonia, Hungría, Serbia ou Alemaña, son manexábeis a través de respostas colaborativas e coordinadas a nivel europeo", afirma. "Todos os países europeos e a UE deben actuar xuntos en resposta á crecente emerxencia e demostrar a responsabilidade e a solidariedade", conclúe.

Máis de 300.000 persoas atravesaron o Mediterráneo desde xaneiro e morreron máis de 2.500

Segundo os últimos datos publicados por ACNUR, máis de 300.000 persoas atravesaron o Mediterráneo desde xaneiro deste ano. Destas 300.000 persoas, perto de 200.000 chegaron a Grecia e unhas 100.000 a Italia. O ano pasado, a estas alturas, a cifra estaban nas 219.000 persoas, afirma ACNUR.

Pola outra banda, a Axencia da ONU alerta de que 2.500 persoas faleceron no mar cando trataban de chegar a Europa. Esta cifra non inclúe as persoas mortas na última traxedia da pasada cuarta feira, xa que o número de persoas falecidas segue sen estar confirmada. "O Mediterráneo segue a ser a ruta máis mortífera para refuxiados e migrantes", sinala ACNUR.
 

Máis en Mundo
Comentarios