Participación masiva e ausencia de incidentes caracterizan a xornada electoral en Venezuela

Chávez e Capriles coinciden en valorar o bo desenvolvemento da xornada e anuncian que aceptaran o resultado “sexa cal sexa”. Grandes ringleiras de electores e electoras agardan para poder votar nuns comicios que apuntan a ter unha participación masiva. O Consello Nacional Electoral informou de que todas as mesas electorais foron constituídas e non se rexistraron incidentes. Producironse varias denuncias por irregularidades electorais da oposición.
Eleccións venezuela voto

A normalidade, sen que se teñan rexistrado incidentes, e unha participación que apunta a ser masiva caracterizaron as primeiras nove horas de votación en Venezuela. A imaxe onmipresente deste domingo é a de longas ringleiras de persoas agardando para votar.

Os colexios electorais abriron as súas portas ás 6 da mañá e está previsto que peche doce horas despois, ás 6 da tarde, mais permanecerán abertos polo tempo que fose preciso de haber electoras ou electores agardando para exercer o sufraxio. O Consello Nacional Electoral, o organismo independente que supervisa todo o proceso, informou de que o cen por cen das mesas electorais foron constituídas.

Chávez pon a Venezuela como “exemplo de democracia”

O Presidente e candidato á re-elección Hugo Chávez reiterouse logo de votar na súa disposicón a recoñecer os resultados electorais que esta noite anunciará o CNE, “sexan os que sexan”. Chávez afirmou que “sempre respectamos a vontade popular e chamamos a oposición a facer o mesmo”.

Respondendo a preguntas dos medios de comunicación, nas que se lle cuestionou porque no exterior se proxectaba a imaxe de que en Venezuela non hai democracia, Chávez amosouse rotundo: “Quen queira coñecer a verdadeira democracia, sólida, madura, aberta e puxante que veña a Venezuela”. O Presidente engadiu que no país latinoamericano apostan por unha democracia na que “o pobo exerza o poder todos os días e non só cada seis anos nas eleccións”.

Capriles celebra o bo desenvolvemento da xornada electoral

En declaracións recollidas por Tele Sur despois de que votase, o candidato Henrique Capriles recoñecía que a participación estaba a ser masiva e que demostraba que “os venezolanos resolvemos as nosas diferenzas democraticamente”.

“Os venezolanos resolvemos as nosas diferenzas democraticamente”

O líder opositor amosouse certo de que tralos resultados, independentemente de cales sexa, “seremos unha soa Venezuela”. Por último demandou ao CNE a máxima axilidade á hora de dar conta dos resultados electorais, que insistiu aceptarán xa que “para saber gañar hai que saber perder” asegurando que a primeira chamada que fará será ao “Presidente Chávez”.

Denuncian vulneracións electorais da oposición

Malia que non se rexistraron incidentes foron varias as denuncias de irregularidades e vulneracións da normativa electoral nas que tería incorrido a oposición a Chávez. Neste senso, onte o PSUV denunciaba publicamente que a coalición opositora incumprira o período de “veda electoral”, pola que se prohibe facer proselitismo electoral durante a xornada de reflexión e o día das votacións, a través do envío de correos electrónicos e a realización de chamadas pedindo o apoio á candidatura de Henrique Capriles.

 O PSUV denunciou que a coalición opositora incumprira o período de “veda electoral”

A equipa electoral da Mesa pola Unidade Democrática de Capriles, o “Comando Venezuela”, tería así mesmoa adquirido o dominio www.cne.com.ve, moi semellante ao do sitio web do Consello Nacional Electoral, www.cne.gob.ve, para redirixir tráfico web ao sitio do candidato opositor. O PSUV denunciou que a oposición estaría a crear unha canle televisiva por internet co próposito de emitir “resultados electorais” antes de que estes fosen proclamados oficialmente polo CNE, nunha estratexia que podería provocar confusión entre a cidadanía.

Asemade, o CNE informou de que varios sitios web foran bloqueados por realizar campaña durante a xornada electoral. Así mesmo, a máxima autoridade electoral venezolana advertiu de que nalgúns lugares do país estarían a circular SMS nos que se afirma que as e os electores poden modificar o seu voto unha vez emitido, extremo completamente falso, coa presunta intención de masificar os colexios electorais e dificultar o voto.

Máis en Mundo
Comentarios