Paraguai elixe nova Presidencia após o golpe que tombou a Fernando Lugo

As enquisas apuntan unha vitoria segura para un dos candidatos da dereita, recollendo unha diferenza mínima entre Horacio Cartes (Partido Colorado) e Efrain Alegre (Partido Liberal). As forzas de esquerda aspiran a ampliar a súa presenza no Congreso.

Fernando Lugo e Aníbal Carrillo
photo_camera Fernando Lugo e Aníbal Carrillo

Paraguai, o país máis pobre de toda América Latina, enfronta este domingo as primeiras eleccións presidenciais logo do golpe institucional, en xuño do ano pasado, co que a dereita desaloxou do poder ao progresista Fernando Lugo e relevouno polo seu anterior aliado, o liberal Federico Franco.

A presidencia de Lugo, conquistada cunha limitada vitoria electoral en 2008, ao non obter a maioría nin no Parlamento nin no Senado, puxera fin a 61 anos de goberno do conservador Partido Colorado.

Presidencia de dereita ou de ultradereita

O principal trazo desta convocatoria é que as forzas que concordaron no golpe contra Lugo agora disputan entre si, cun duro enfrontamento, o acceso á Presidencia do país. Os inquéritos apuntan con claridade a que o gañador será un dos candidatos da dereita, ben Horacio Cartes (do ultra Partido Colorado) ben Efrain Alegre (do Partido Liberal Radical Auténtico, sigla do actual presidente e lixeiramente máis moderado).

As enquisas dan por segura a vitoria dun dos candidatos da dereita

A última enquisa publicada outorgaba o 37,6% dos votos a Cartes fronte o 31,7% a Alegre, se ben este último podería ver incrementadas as súas posibilidades logo de artellar in extremis unha polémica alianza electoral dos liberais coa Unace (forza impulsada polo falecido ex-xeneral Lino Oviedo, quen fixera parte do Partido Colorado), á que se lle atribúe un 7% dos votos. Este último movemento anticipa que os comicios, nos que non hai segunda volta, serán moito máis apurados do previsto e a posibilidade de que se resolvan por unha mínima diferenza. 

Durante a campaña os candidatos da dereita intercambiaron duras acusacións. Os colorados acusan aos partidarios de Alegre de estaren a baleirar as arcas do Estado mesmo para financiar irregularmente a súa campaña. En troques, os liberais advirten de que unha vitoria de Cartes convertería ao Paraguai nunha “narcodemocracia” en alusión ás presuntas ligazóns do candidato colorado --quen estivo preso nos anos 80-- co contrabando e traficantes internacionais de droga.

A esquerda paraguaia preséntase dividida

As forzas de esquerda acudirán á cita coas urnas sen teren logrado unha proposta unitaria. A Fronte Guasú do ex-Presidente Fernando Lugo, forza cun perfil claro de esquerda real e situado en coordenadas bolivarianas conformada por diversas organizacións --entre elas o Partido Comunista Paraguaio-- candidata á Presidencia ao médico Aníbal Carrillo, a quen as enquisas atribúen menos do 2% dos votos. Pola súa banda a coalición  Avanza País, de esquerda máis moderada e apoiada polo ex-xefe de gabinete de Lugo --Miguel López Perito-- formula a candidatura do ex-presentador de televisión Mario Ferreiro, quen podería obter segundo as sondaxes máis do 10%.  

A Fronte Guasú de Fernando Lugo, que se presenta ao Senado, ten ao médico Aníbal Carrillo como candidato á Presidencia

Cómpre ter en conta que até a chegada ao poder de Lugo a esquerda paraguaia apenas tiña presenza e apoio social. Aliás, os apenas dez meses decorridos desde o golpe contra Lugo semellan non ter sido suficientes para estabelecer as bases dun acordo máis amplo entre as forzas da esquerda paraguaia. “Tentamos articular un acordo electoral entre as tres principais forzas de esquerda (Fronte Guasú, Avanza País e Kuña Pyrenda –socialista e feminista--). Defendiamos a realización de primarias para escoller a dupla de candidatos máis forte, mais non foi posíbel” explicaba en declaracións ao xornal brasileiro Opera Mundi a candidata presidencial do Kuña Pyrenda, Lilian Soto. A estas tres engádese a candidatura do sindicalista Coco Arce polo trotskista Partido do Traballo. A previsión demoscópica para as candidaturas de Arce e Conde son testemuñais, ambas por baixo do 1%.

Con todo, na última semana producíronse movementos que poderían cristalizar nun bloco opositor unificado ao novo Presidente após os comicios. Neste senso, catro forzas políticas da esquerda reiniciaron os diálogos e acordaron actuar conxuntamente para fiscalizar e perseguir as posíbeis fraudes que poidan cometer o Partido Colorado e o PLRA. 

Dificultades para a campaña da esquerda e denuncia de irregularidades

A desunión, para alén do contexto criado tras o golpe, tería producido importantes dificultades para o desenvolvemento da campaña das forzas de esquerda, tanto económicas como loxísticas, o que fai que concorran nunha manifesta inferioridade de condicións perante os candidatos da dereita.

A ese respecto Fernando Lugo, que desta volta candidátase como Primeiro Senador pola Fronte Guasú, alertaba recentemente de que “aquí hai un problema na campaña que son os recursos. No Paraguai non hai unha lei que transparente os recursos. Tampouco hai limites en termos económicos, hai unha lei que non se respecta en ningún aspecto. Hai xente que está en campaña desde o ano pasado, con carteis e propaganda (só permitidos durante o mes de campaña)”.

Son numerosas as denuncias de irregularidades durante o que vai de proceso electoral

Toda vez a Presidencia preséntase como unha meta inalcanzábel nesta conxuntura para a esquerda paraguaia, o seu principal obxectivo sitúase en lograren unha maior representación parlamentar no Congreso, o que lles permitiría solidificar unha alternativa factíbel. 

As dúbidas sob a limpeza e transparencia do proceso fican á orde do día. Arestora xa son numerosas as denuncias de irregularidades formuladas desde as forzas de esquerda sob o decorrer do proceso electoral. A Fronte Guasú denunciaba nos últimos días atrancos administrativos para designaren e acreditaren aos seus interventores nas mesas electorais.

O regreso a Unasur e Mercosur no aire

Unha das incógnitas que se podería empezar a despexar cos resultados deste domingo é o dun eventual regreso de Paraguai a Unasur e Mercosur, institucións supranacionais que decidiran suspender a membresía do país logo do golpe contra Fernando Lugo. 

A reincorporación de Paraguai á Unasur e ao Mercosur dependerá do desenvolvemento dos comicios

Precisamente unha das causas que estaría detrás do golpe de xuño pasado tería sido retirar a Paraguai do crecente proceso de integración latinoamericana, do que ambos entes son boa expresión.

Tanto desde a Unasur como de Mercosur xa clarificaron que o retorno non será automático, senón que dependerá do informe que a respecto do desenvolvemento da convocatoria electoral realice o grupo de acompañamento enviado pola Unasur, a quen o actual Presidente decidiu non convidar oficialmente negándolle a inmunidade diplomática, mais que aínda así estará presente durante a xornada electoral.

SPOTS ELECTORAIS

Horacio Cartes (Partido Colorado)

Efrain Alegre (PLRA)

Aníbal Carrillo e Fernando Lugo (Fronte Guasú)

Mario Ferreiro (Avanza País)

Lilia Soto (Kuña Pyrenda)

Coco Arce (PT)

Máis en Mundo
Comentarios