Os mercados reláxanse perante os anuncios do goberno español

As declaracións do ministro de Economía e a posíbel intervención do Banco Central Europeo na compra de débeda, déixase ver nos mercados. O goberno español prepara novos recortes para recibiren os fondos do rescate.
Luis de Guindos, ministro español de Economía
photo_camera Luis de Guindos, ministro español de Economía

Após unhas semanas de vacacións para o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, en que visitou o país e o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, o executivo español prepara máis unha vaga de recortes e axustes de acordo coas exixencias do memorando asinado co gallo do primeiro rescate aprobado o pasado mes de xuño.

Malia repetiren até a saciedade --como tantas outras veces-- que non existiría unha intervención directa na economía española, o ministro de Economía, Luis de Guindos, e mesmo a alcaldesa da cidade de Madrid, Ana Botella, declararon en senllas entrevistas que o rescate é practicamente un feito. O devandito anuncio xerou unha reacción inmediata nos mercados, que relaxaron os seus indicadores --nomeadamente a prima de risco, encamiñada a avaliar as posibilidades de pagamento do déficit--.

Neste sentido, o ministro de economía solicitou á máxima autoridade financeira da Unión que "mercase débeda sen límite" e de "xeito contundente", na procura de aliviaren a presión exercida polos mercados financeiros sobre a economía española.

O rescate devirá en máis políticas de axuste e nun menor gasto nas pensións --segundo afirmaron fontes do goberno a diversos diarios estatais--. Así mesmo, prevese máis unha suba de impostos --que se sumarán ao aumento do IVE aprobado con anterioridade--.

Buxelas investiga o Estado español
Segundo as autoridades comunitarias, algunhas das medidas aprobadas polo goberno español poderían ser "desproporcionadas" polo que a Comisión europea iniciará unha investigación sobre os axustes, nomeadamente sobre a diminución na renda de inserción das persoas desempregadas e da súa interrupción cando estas viaxen ao estranxeiro. Segundo a Comisión, esta pode ser unha "medida desproporcionada" polo que enviará un escrito sobre a investigación ao executivo español "con carácter de urxencia". 

Máis en Mundo
Comentarios