XUSTIZA

O Supremo mantén a pena contra Otegi, mais rebáixaa de 10 a 6 anos e medio

A mesma decisión foi tomada respecto do ex secretario de LAB, Rafael Díaz, ao consideralos ''integrantes'' de ETA. Os dous foron excluídos do grao de ''dirixentes'', polo que foran condenados

O Tribunal Supremo rebaixou de dez a seis anos e medio a condena imposta pola Audiencia Nacional española a Arnaldo Otegi --ex voceiro de Batasuna-- e Rafael Díez Usabiaga --ex secretario de LAB--, mentres que a reduciu de oito a seis anos no caso de Miren Zabaleta, Sonia Jacinto e Arkaitz Rodríguez.

O Supremo estimou parcialmente os recursos interpostos pola defensa das cinco militantes abertzales, encarceradas desde outubro de 2009 --agás Rafa Díez, que tras permanecer case ano e medio en liberdade foi enviado de novo a prisión tras o fallo da AN--. No caso de Otegi e Díez, segue a consideralos "integrantes" de organización armada pero excluíu o grao de "dirixentes" polo que foron castigados ao considerar que esa condición non quedou suficientemente acreditada.

Si apoia o criterio da AN para condenarlles por "pertenza" e admite como proba as reunións que mantiveron na sede de LAB e os desprazamentos que fixeron a Ipar Euskal Herria. Toma tamén en consideración o feito de que o cinco militantes non condenaron a ETA.

O Supremo sostén que o obxectivo do xuízo "non alcanza ao debate político e estratéxico no seo da esquerda abertzale, actividade que non lle corresponde analizar á xurisdición", e afirma que o que debe xulgar é "a execución polos acusados do plan deseñado por unha organización terrorista, que non depuxo as armas, como integrantes da mesma". "Serán autores, no seu caso, do delito cualificado pola acusación por pertencer á organización terrorista, non por desenvolver a acción política programada", subliña a sentenza.

Máis en Mundo
Comentarios