O rexeitamento á 'austeridade' da Troika fai rebordar as rúas de Italia


Máis de 150 mil persoas quixeron dicirlle ao primeiro ministro italiano Mario Monti que xa abonda de recortes nos dereitos fundamentais e de medidas que anulan as políticas de benestar. O sindicato maioritario no país, CGIL, fixo público o seu apoio á folga xeral do 14 de novembro

As voces en contra das medidas impostas pola Troika --o Fondo monetario internacional, a Unión europea e o Banco central europeo-- ateigan as rúas de Roma. Namentres o primeiro ministro e titular de Economía italiano Mario Monti recibe palmadas nas costas polas políticas adoptadas polo seu goberno, como as subas do IVE e os recortes en sanidade e educación, ao redor de 150 mil persoas déronlle un rotundo 'non' á rebaixa de dereitos sociais e laborais vendida como 'medidas de austeridade'.

'Coa Europa que se rebela, botemos o goberno de Monti' rezaba a faixa que desfilou na cabeceira da protesta, onde as e os manifestantes berraron lemas en contra dunhas políticas "que só trouxeron despedimentos e precariedade, paro e pobreza", tal e como recollía o texto da convocatoria. Na mobilización contra os recortes tivo especial presenza o movemento estudantil, que levaba xa varios días opóndose na rúa ás medidas que o executivo de Silvio Berlusconi aplicara no ensino, e que mantivo e agudizou Mario Monti.

Tamén pacientes con enfermidades crónicas se revoltaron contra os recortes, exixindo maior financiamento para a asistencia sanitaria a domicilio. Monti, que preside Italia desde novembro após a demisión de Berlusconi, aprobou un drástico plan de recortes por valor de 30 mil millóns, subiu o IVE dous puntos e acometeu unha reforma laboral que pula polo despedimento libre. O sindicato maioritario neste país, a Confederazione Generale Italiana del Lavoro --CGIL--, anunciou xa o seu apoio á folga xeral convocada para o 14 de novembro no Estado español e en Portugal.

Máis en Mundo
Comentarios