Morsi, detido despois do golpe de Exipto que non condenan nen os EUA nen a UE nen a ONU

O exército de Exipto confirma que o presidente lexítimo Mohamed Morsi está detido como consecuencia de un golpe militar que non foi condenado nin polos Estados Unidos, nin pola Unión Europea nin pola ONU. Desde occidente evítase o emprego da palabra “golpe”. 

Pouco despois de se saber que Mohamed Morsi fora deposto do seu cargo e a constitución ficase suspensa, chega a confirmación por parte do Exército da detención do presidente lexítimo de Exipto. Con anterioridade, xa a Irmandade Musulmán, á que Morsi pertence, anunciara a detención do seu líder. 

O xeneral Abdel Fattah fixo onte o anuncio de que a Constitución quedaba en suspenso e serían convocadas novas eleccións presidenciais. Desde os organismos internacionais mostrouse a preocupación pola situación en Exipto, mais non se sentiron as condenas polo golpe de estado militar. O propio presidente americano Barack Obama fixo votos para que Exipto regresase “ao proceso democrático” sen manifestar en momento algún a condena pola acción militar. De ser considerado un golpe para o goberno americano, implicaría a suspensión das cuantiosas axudas que cada ano destinan ao país árabe e que teñen o seu fin privilexiado no propio exército, brazo executor da destitución do presidente exipcio. 

Diversos países da Europa continúan na esteira da posición americana e a palabra golpe continúa sen aparecer no panorama internacional occidental. Tampouco a ONU, na valoración do seu secretario xeral Ban Ki-Moon, quixo definir o derrocamento do goberno de Morsi e simplemente cualificou de “preocupante” a situación, aínda que sinalou que consideraba lexítimas as reivindicacións dos manifestantes. 

Máis en Mundo
Comentarios