O PP fulmina o senador que criticou os recortes de Rajoy á minería e votou coa oposición

@s traballador@s da minaría enfrontaron hoxe máis unha xornada da loita indefinida. Antidisturbios da Garda Civil tomaron o lugar de Ciñera, en León, por onde pasaba a 'marcha negra' que chegará até Madrid desde Asturias en protesta contra o recorte de máis do 60% ás axudas ao sector mineiro

Cando se votou no Senado a primeira das sete emendas aos Orzamentos Xerais do Estado, presentada polo PSOE e contraria á tesoirada do 64% dos fondos para o Plan mineiro orquestrado polo Goberno español, o senador do PP por León, Juan Morano, e outr@s catro apoiaron as axudas á minaría. Esta terza Morano foi suspendido "temporalmente" de militancia pola súa "deslealdade" cara ao Executivo de Mariano Rajoy. Finalmente, el propio decidiu marchar da formación conservadora, e pasar ao Grupo Mixto na Cámara Alta.

O senador valorou que "a suspensión temporal non ten xustificación, é inconstitucional e inxusta", e que tanto o seu voto favorable ás emendas da oposición como as súas declaracións contra os recortes no sector do carbón e en defensa da minaría responden a unha reflexión feita "con conciencia e para acatar os compromisos electorais". Morano ratificou a súa actuación: "Cada un pode facer o que crea convinte mentres non vulnere os dereitos dos demais. E defender o Plan do Carbón porque creo que os mineiros teñen razón, pois só faltaba...", espetou o senador, que xa fora sancionado economicamente, xunto @s outr@s catro senador@s que votaron contra as directrices de Rajoy.

Represión da Garda Civil
Entre mentres, @s traballador@s da minaría enfrontaron hoxe máis unha xornada da folga indefinida que @s mantén en loita desde o 30 de maio contra o recorte de máis do 60% das axudas estatais ao sector. Antidisturbios da Garda Civil tomaron o lugar de Ciñera, en León, para procurar polas casas @s manifestantes, que camiñan cara a Madrid --desde Mieres, en Asturias-- na segunda marcha negra.

O propio alcalde, Francisco Castañón, do PP --goberna La Pola de Gordón, o municipio ao que pertence Ciñera-- denunciou a brutalidade dos axentes do corpo castrense, que "entraron directamente nas rúas, disparando pelotas de goma". Non é a primeira vez que os antidisturbios toman Ciñera, pois o propio alcalde pedáneo resultou ferido o seis de xuño dunha pelotada nun ollo.

Máis en Mundo
Comentarios