O PP anuncia que fará efectiva a obriga de estudar en español

O ministro de Educación, José Ignacio Wert, vincula as reivindicacións independentistas de Catalunya "coa dirección do sistema educativo" e anuncia que pagará colexios privados con cartos públicos para que ensinen español nos territorios bilingües

"Non é o que digan as leis, que din ben claro que todo o mundo ten dereito a que o castelán sexa a lingua vehicular. Non é o que digan os tribunais. Eu garanto que faremos efectivo ese dereito". De plató en plató, o ministro de Educación, José Ignacio Wert, vai debullando as implicacións ideolóxicas e recentralizadoras que agocha a letra pequena da contrarreforma educativa aprobada hai uns días polo goberno español.

Desta volta, Wert dixo que existen "algunhas evidencias" que vinculan as reivindicacións independentistas de Catalunya "coa dirección do sistema educativo". Empeñado en que nalgúns territorios non se pode estudar en español, manifestouse "firmemente decidido" a resolver "este problema". Manifestou o ministro a súa disposición a ingresar cartos públicos nas contas de colexios privados que garantan un ensino en español nos territorios bilingües.

Así, Educación asinaría acordos con estes centros e, se @s proxenitor@s dunha crianza matriculada na pública non están conformes coa porcentaxe de aulas impartidas naquela lingua, entón ingresaría nunha escola privada pagada polo estado. Segundo adianta un xornal español, o ministerio batalla tamén unha mudanza lexislativa, aínda que sinalou Wert que sería esa unha vía máis complicada porque para a desenvolver cumpriría "un mínimo de tres anos".

Ao seu entender, as mudanzas que o PP aplicará no ensino servirán para "eliminar o desenfoque que tinxiu o proceso educativo en España". Cuestionou o principio de equidade ao sinalar que o gasto por alumn@ en Euskal Herría é "o dobre" que en Andalucía e albiscou "unha solución práctica" ao redor da inmersión lingüística: "non podemos permitirnos 17 sistemas", espetou Wert após insistir en que a aprobada recentemente "non é unha lei ideolóxica". 

Máis en Mundo
Comentarios