O goberno elimina a axuda de 400€ para persoas que vivan con familiares e superen os 481€

O Consello de Ministr@s vén de aprobar un "novo Plan Prepara" que suprime a axuda para aquelas persoas que posúan "colchón familiar", asegurou a ministra Fátima Báñez.

Fátima Báñez, Ministra de Emprego e Seguridade Social
photo_camera Fátima Báñez, Ministra de Emprego e Seguridade Social

Esta sexta, o Consello de Ministr@s adiantou algunhas das medidas que se implementarán nos vindeiros meses mais non aclarou moitas cuestións que se prevía fosen anunciadas. Así pois, o goberno español non esclarecerá até a vindeira semana, as condicións asinadas no memorando de rescate así como o programa de reestruturación bancaria prevista no mesmo. Asemade, a vicepresidenta, asegurou que o goberno non está a manter xuntanzas coa UE a respecto dun novo rescate, porén aseverou que o estado español, agarda á decisión que adopte o BCE sob a compra de débeda pública.

O novo Plan Prepara
A ministra de emprego, Fátima Báñez, informou as novas condicións polas que as persoas desempregadas de longa duración poderán solicitar a axuda de 400€. Coas modificacións incorporadas, @s parad@s cux@s familiares --ascendentes e descendentes--, superen os 481€ por membro, fican fóra do programa de axuda á reinserción laboral; un plan que acolle actualmente a 200.000 persoas no estado español. Así mesmo, o novo programa outorga a axuda só por seis meses (non prorrogábeis), isto é, concederase só unha vez na vida. Se tomamos un exemplo, unha persoa que volva ao domicilio familiar por falla de ingresos poderá ser excluída da axuda se a renda familiar supera os 481€ por persoa.

O goberno de Mariano Rajoy, outorgará unha esmola de 50€ a aquelas persoas que posúan máis de dúas persoas dependentes ao seu cargo. Unha contía ínfima fronte ao custo que carrexa a dependencia familiar.

Liberaliación do mercado de aluguer
Como xa adiantaba Sermos Galiza, o goberno español introducirá modificacións no réxime de aluguer. Entre elas, a posibilidade de ser recuperada a vivenda pola persoa propietaria sen que isto sexa disposto polo contrato, tan só co aviso previo de dous meses. Así mesmo, axilízase o procedemento para o desafiuzamento. Calquera persoa que adebede aluguer poderá ser desafiuzada da súa vivenda despois de cumprírense dez días do aviso e previa sentenza xudicial.

A rolda de prensa desenvolvida esta sexta deixa moitos asuntos pendentes coma a posibilidade de que a economía española sexa rescatada ou as características do coñecido como "banco malo", que terán que agardar á vindeira xuntanza para seren feitos públicos.

Máis en Mundo
Comentarios