Estuda máis despedimentos

No primeiro mes de goberno, Macri destrúe 12.000 empregos públicos

O 10 de decembro Mauricio Macri tomaba posesión do seu cargo como presidente electo. Após un mes, 12.000 empregadas e empregados públicos foron xa despedidos. Os sindicatos denunciarán ante a OIT a vaga de despedimentos, que cualifican de inxusta.

SAAVFER
photo_camera [Imaxe: @saavfer]

Apenas un mes após a súa toma de posesión como presidente da Arxentina, Mauricio Macri aprobou unha serie de medidas neoliberais que provocaron o despedimento de máis de 12.000 empregados e empregadas da administración pública. Ademais outros 60.000 contratos están baixo a lupa.

A través dun decreto, Macri ordenou a revisión da legalidade da contratación das traballadoras e traballadores públicos que conseguiron o seu emprego nos últimos tres anos, durante o goberno de Cristina Fernández.

Represión dos protestos

As forzas de seguridade empregaron gases lacrimóxenos e balas de goma contra as persoas mobilizadas

A destrución de tantos milleiros de postos de traballo provocou protestos en todo o Estado. As distintas manifestacións foron reprimidas polas forzas de seguridade, que mesmo empregaron gases lacrimóxenos e balas de goma contra as persoas mobilizadas. A dureza da represión na última manifestación convocada para onte en Buenos Aires provocou o internamento de varias persoas, entre elas a dunha muller con 15 tiros de bala de goma.

No que leva de mandato, Macri aprobou medio cento de decretos, entre os que destacan, amais do despedimento de traballadores e traballadoras públicas, a redución de impostos ás rendas máis altas e cambios na xustiza e na lei de medios de comunicación, co fin de garantir unha maior concentración de poder no seu goberno.

Máis en Mundo
Comentarios