O nacionalismo acusa ao Borbón de darlle as costas aos procesos soberanistas

Unidade de España e defensa da Constitución foron dous dos eixos básicos do discurso anual do Rei Juan Carlos na noite de Nadal. Desde o nacionalismo, critícase un discurso "reaccionario" que buscou perpetuar o modelo do que é garante e deu as costas aos procesos soberanistas en marcha. 

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Para o BNG o discurso do Rei responde ás “posicións políticas máis reaccionarias” en temas de debate na política actual como son o marco constitucional, as medidas para saír da crise ou a futura configuración do Estado español. 

Lamentou o portavoz Xavier Vence que non tivese aproveitado a ocasión para situar aos colectivos máis desfavorecidos como urxente centro da actuación de Goberno e só se referise a eles de maneira ritual. 

O BNG viu a un Borbón empeñado en “sacralizar e aferrarse ao corsé da Constitución, da unidade da Patria española e da Coroa”. “Cualificar de verdade incuestionable un marco constitucional que está a ser fortemente cuestionado por organizacións políticas e sociais é pretender estar á marxe da realidade que contesta tanto o actual modelo de organización territorial como a propia institución da Coroa” destacou o portavoz do BNG. Tamén criticou que o Rei confirmase no discurso a súa continuidade sen facer ningunha autocrítica do estado actual da monarquía, en especial dos casos de corrupción que afectan á institución nunha mensaxe que cualificou de “ritual e inmobilista”. 

O Borbón, centrou boa parte do seu discurso na defensa da unidade de España e o marco constitucional e, desta maneira, mesmo botou man da herdanza monástica propia da institución para apuntar perpetuación do modelo do que a institución é garante. “E únenos e débenos seguir unindo o sentimento de comunidade que recentemente expresaba o Príncipe de Asturias: España é unha grande Nación que paga a pena vivir e querer e pola que paga a pena loitar”, dixo, citando ao seu propio fillo na única mensaxe que a Casa do Rei prepara no ano. 

A resposta de Catalunya, co proceso soberanista avanzado tras o acordo de aprobación da data e as preguntas do referendo, non se fixo agardar e chegou no cemiterio de Montjuïc na homenaxe ao presidente da Generalitat Francesc Macià, no día no que se facían oitenta anos do seu falecemento. Oriol Junqueras respondeulle á oferta de diálogo do monarca afirmando que Catalunya sempre estivera disposta, agora era España a que non fixera nada por escoitar. Pola súa parte o presidente da Generalitat, Artur Mas lembroulle que o catalanismo “sempre apostou pola convivencia e a liberdade” e o que reclama é que “se escoite a voz do pobo de Catalunya con atención e respecto”. Concluíu o presidente catalán que o seu obxectivo era decidir sobre o seu futuro “con boa convivencia e con respecto aos outros pobos de España e de Europa”. 

Máis en Mundo
Comentarios