O ministro do Interior desmente Rajoy e admite o atentado contra España en Kabul

Após Rajoy asegurar que o atentado da sexta feira, 11 de decembro, en Kabul non foi contra intereses españois, o ministro do Interior fíxolle fronte as evidencias e, desmentindo o presidente do Goberno, admitiu que “é un feito indubitado que España foi atacada”.

Rajoy
photo_camera Rajoy

“É un feito indubitado que España foi atacada e que servidores públicos españois foron atacados… Resulta evidente que, alén da reivindicación foi un ataque contra España”. Desta maneira, o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, desmentía nunha visita a León o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, que a pasada sexta feira, 11 de decembro, aseguraba que o de Kabul non fora un atentado contra intereses españois.

O presidente á Presidencia do Goberno polo PP suscitou un aluvión de críticas após as súas declaracións da sexta feira: “esta tarde correuse a noticia de que podía haber habido un ataque á embaixada de España en Afganistán. Non foi así. Non foi un ataque nin era a intención de facelo contra a embaixada de España en Afganistán”. “Neste caso non o era –o ataque terrorista- contra a embaixada de España”, engadía.

Rajoy ía alén de asegurar que non se trataba dun ataque contra a embaixada española cando sinalaba que “neste momento, hai un policía español ferido que xa foi evacuado, parece que as feridas non son de extrema gravidade”. Apuntaba ademais que “foron liberadas todas as persoas que estaban traballando como funcionarios”. “Creo que non hai vítimas españolas, non era un ataque contra nós (…) a xente da embaixada de España en Afganistán está ben”. Hai que lembrar que no atentado faleceron dez persoas, entre elas dous policías españois. De aí a polémica xurdida polas afirmacións do responsábel do PP.

O director da Policía achaca as declaracións de Rajoy a unha confusión entre a información da intelixencia afgá, o CNI e os axentes da embaixada.

Máis en Mundo
Comentarios