Milleiros de sinaturas pola demisión de Fabra após o ''¡Que se jodan!''

O rexistro de bens do Congreso di que a filla de Carlos Fabra posúe plans de pensións, hipotecas e propiedades inmobiliarias nas zonas máis caras de Madrid e Castellón. Dixo estar ''indignada'' polo rexeitamento social que xeraron as súas palabras, e que non insultaba @s desempregad@s, senón o PSOE

Ao repasarmos as redes sociais nesta sexta, a polémica ten nome de deputada do PP: Andrea Fabra. A filla de Carlos Fabra, ex presidente da Deputación de Castellón e presidente do PP provincial, berrou "¡Que se jodan!" desde a bancada da formación conservadora no Congreso español no mesmo intre en que o líder do seu partido e presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, anunciaba os últimos recortes, nomeadamente a tesourada ás prestacións por desemprego, que pasarán a ser do 50% --fronte ao 60% actual-- a partir do sexto mes no paro.

A Fabra --filla-- seica a sorprendeu a reacción da cidadanía, que fixo ferver o Facebook e o Twitter, e creou unha páxina na web Change.org en que se recollen sinaturas para exixir a súa demisión inmediata. Leva unhas horas activa, e vai camiño dos 70.000 nomes. As súas inoportunas palabras fixeron estalar a indignación. Cabe lembrar o cargo que ocupa fóra da Cámara baixa: secretaria executiva de Política Social do PP en Valencia. Mais en declaracións á prensa, ela dixo sentirse "indignada" e, após recoñecer que, efectivamente, berrou "¡Que se jodan!", dixo que non se refería ás persoas desempregadas, senón @s deputad@s do PSOE.

Ollando a páxina web do Congreso, da declaración de bens da parlamentaria --que partilla coa súa parella, ex conselleiro de Esperanza Aguirre--, destacan catro plans de pensións de 1.000 a 31.000 euros, dúas hipotecas --unha de 1,2 millóns que lle concedeu Bankia-- e varias propiedades inmobiliarias situadas nas rúas máis caras de Castellón e de Madrid.

Así as cousas, o mesmo día en que Carlos Fabra --imputado en varias causas por delitos como tráfico de influencias, suborno a persoal funcionario e delito fiscal-- se despediu por carta d@s afiliad@s do PP en Castellón, Andrea Fabra non pensa renunciar ao seu escano --como lle pide a cidadanía e a oposición-- e toma o relevo do pai á cabeza do rexeitamento social. A deputada leva desde o 16 anos militando nas filas do PP, cando entrou a facer parte de Nuevas Generaciones, segundo reza o seu currículo político. Un ano antes de rematar os estudos de Dereito tiña xa un oco reservado na Executiva provincial.

Máis en Mundo
Comentarios