DIFERENZAS NA UE

Merkel négase a renegociar a débeda grega e teima nas políticas de “austeridade”

A dirixente alemá amosa publicamente o seu desacordo coas propostas de Syriza, que desde o Goberno xa anunciou que non colaborará coa Troika e pide un cambio de políticas que tire o seu país da crise social que sofre.  

Ángela Merkel
photo_camera Ángela Merkel

A presidenta alemá Ángela Merkel rexeitou a condonación de parte dos 320.000 millóns de euros de débeda contraída por Grecia, segundo anunciou nunha entrevista co diario alemán 'Die Welt', publicada este sábado. "Os acredores privados xa renunciaron voluntariamente e os bancos eximiron a Grecia de devolver miles de millóns. Non está previsto outro recorte”, dixo.

"Europa seguirá amosando solidariedade especialmente cara Grecia e outros países afectados pola crise que emprenderon as súas propias medidas de reforma e de austeridade", engadiu a dirixente, que non pensa nunha posíbel saída de Grecia da moeda única. "Forma parte da comunidade do euro", dixo sobre o país agora gobernado por Syriza, coalición de esquerdas que pide renegociar a débeda e rachar cos medidas impostas polas elites europeas. 

O goberno grego xa anunciou que non colaborará coa Troika e os desencontros entre ambas partes xa son unha evidencia cando aínda non se cumpriu unha semana da vitoria da candidatura liderada por Alexis Tsipras

Máis en Mundo
Comentarios