EUROPA

Medra o "non" en Irlanda ao Tratado de disciplina fiscal da UE

Irlanda votará en referendo o 31 de maio se acepta a batería de medidas de “austeridade” de Bruxelas

Irlanda decice o 31 de maio sobre austeridade da UE
photo_camera Irlanda decice o 31 de maio sobre austeridade da UE

A menos dun mes do referendo en Irlanda sobre o Tratado da Unión Europea de disciplina fiscal, o número de organizacións e colectivos que avogan polo non van en aumento. Nos inquéritos dos xornais constátase un incremento dos colectivos partidarios de rexeitar o coñecido “Tratado da Austeridade”, aínda que aqueloutros defensores do "si" seguen a ser maioría e por unha porcentaxe nada desprezábel.

As tres principias formacións políticas irlandesas (Fine Gael, Partido Laborista- ambas as dúas no goberno de coalición- e Fianza Fail ) fan campaña polo si, mentres que o non a este Tratado é defendido polo Sinn Féin (ao que algunhas sondaxes dan o 21% de intención de voto se houber eleccións agora na República) e por tres dos principais sindicatos irlandeses, que representan aproximadamente 200.000 traballadores e traballadoras: Unite, TEEU e Mandate. Do mesmo xeito, un tecido de asociacións e plataformas da cidadanía están a se mobilizar nunha campaña para rexeitar a aplicación dese documento.

O novo pacto de disciplina fiscal, asinado a principios de marzo por 25 dos 27 membros da UE obrigará aos países que o subscriban a incorporaren nas súas lexislacións unha "regra de ouro" para manter as contas públicas equilibradas, con sancións financeiras automáticas cando o déficit supere o 3% do PIB. Este novo tratado foi exixido por Berlín no lugar de manter a súa “solidariedade financeira” cos países máis fráxiles da Eurozona.

A finais de 2010 o daquela goberno do Fianna Fáil acordou comezar un duro plan de rescate de 85.000 millóns de euros coa UE e FMI a cambio dun duro plano de axuste que supuxo o despido de 24.750 persoas pertencentes ao sector público, baixa de pensións e suba do IVE ao 23%, aumento de impostos sobre a renda, incremento da idade de xubilación a 66 años, redución nun 10% das pensións, entre outras moitas medidas de recorte.

Máis en Mundo
Comentarios