MOZO AFROAMERICANO ABATIDO POLA POLICíA EN FERGUSON (MISURI)

Marcha polo asasinato de Brown: “Mans arriba, non disparen!”

Varios centos de persoas manifestáronse o sábado polo asasinato de Michael Brown, o mozo afroestadounidense desarmado ao que un policía disparou e que provocou fortes acusacións de racismo contra as forzas de seguridade nos Estados Unidos.

[Imaxe: BLM]
photo_camera [Imaxe: BLM]

Con berros de “Mans arriba, non disparen!”, centos de persoas saíron ás rúas da avenida Ferguson, en Misuri, para homenaxear Michael Brown, o afroestadounidense de 18 anos que, malia ir desarmado, foi asasinado por un policía. Este feito provocou unha vaga de acusacións de racismo contra as autoridades dos EUA. De feito, na propia avenida Ferguson producíronse violentos disturbios no pasado mes de novembro cando se tivo coñecemento de que un tribunal decidía non procesar Darren Wilson, o policía que asasinou a Brown.

Ao asasinato de Brown sumáronse unha serie de afroestadounidenses abatidos pola policía entre o 2014 e o 2015, o que provocou un forte debate sobre a violencia exercida por axentes de raza branca contra mozos negros nos EUA. Así, tras a morte de Brown creouse o movemento “Blacks Lives Matter” (as vidas dos negros importan).

Logo da morte de Brown, Ferguson conta cun novo xefe de policía, un novo administrador e un novo xuíz municipal, todos afroamericanos. Ademais, adoptáronse medidas como a colocación de cámaras corporais nos uniformes de todos os axentes de policía en Ferguson. O consello municipal de Ferguson tamén conta con novos membros, moitos dos cales son negros.

Hoxe, cando se cumpre o cabodano do asasinato do mozo afroamericano de 18 anos, terá lugar un minuto de silencio durante 4,5 minutos, para lembrar que o corpo de Brown permaneceu boca abaixo na rúa durante catro horas e media despois de recibir os disparos.

Máis en Mundo
Comentarios