ENERXÍA

Luz verde no Senado arxentino á renacionalización de YPF

Tras máis de 14 horas de debate, o proxecto de lei presentado polo Goberno de Cristina Fernández para expropiar o 51% da enerxética propiedade de Repsol saíu adiante

A presidenta arxentina, Cristina Fernández, logrou esta quinta feira o apoio do Senado para expropiar a petroleira YPF tras preto de catorce horas de debate que permitiron á oposición advertir de que o seu respaldo non supón un cheque en branco para a xestión da maior empresa do país. O proxecto de lei saíu adiante por 63 votos a favor, 3 en contra e 4 abstencións, nunha xornada maratoniana na que as accións da petroleira caeron un 5,11%.

O texto, que a próxima semana será sometido a votación na Cámara de Deputados, declara de utilidade pública e suxeito a expropiación un 51% das accións de YPF propiedade de Repsol, titular dunha participación total do 57,43% na petroleira arxentina. Tamén prevé a expropiación das accións de Repsol en YPF Gas, a maior distribuidora comercial ao por menor de gas licuado de petróleo envasado no país.

No marco do debate parlamentario, Fernández explicou que a renacionalización de YPF era "imposíbel" hai anos, pero que a partir de 2003, "co movemento da economía arxentina e o fortalecemento do mercado doméstico", puido empezar a concretarse. Na mesma liña, o senador do gobernante Fronte Para a Vitoria (FPV) Marcelo Fontes subliñou que a expropiación de YPF "non é un acto caprichoso, nin un acto illado" do Goberno, senón que forma parte do "corolario lóxico" impulsado polo expresidente Néstor Kirchner, falecido no 2010.

O presidente da Unión Cívica Radical, o principal partido de oposición, Luís Naidenoff, apoiou a proposta oficialista pero foi categórico sobre os motivos que precipitaron a decisión do Goberno para se facer co control de YPF: "avanzouse co proxecto porque a caixa non pecha".

"Foi a conxuntura enerxética asfixiante a que motivou ao oficialismo a iniciar este debate", agregou o senador radical referíndose aos 14.000 millóns de dólares que Arxentina gastará este ano na importación de gas e petróleo. Gerardo Morais, do mesmo partido, explicou que a formación votou a favor do proxecto de lei porque considera que "conta co consenso da maioría da poboación e da maioría da oposición".

Máis en Mundo
Comentarios