CIUTADANS, SEGUNDA FORZA

Junts pel Si gañaría as eleccións do 27-S

A pouco máis de vinte días para o 27 de setembro, a candidatura de Junts pel Si gañaría as eleccións catalás cun 42,5% dos votos, entre os 65 e os 70 deputados e deputadas. Así o reflicte unha enquisa realizada por GAPS para El Punt Avui.

[Imaxe: Junts pel Si]
photo_camera [Imaxe: Junts pel Si]

El Punt Avui fai pública hoxe unha enquisa que sitúa a candidatura encabezada por Raül Romeva próxima á maioría absoluta que representan os 68 escanos. A sondaxe, elaborada por GAPS telefonicamente entre a terza e a quinta feira sobre unha mostra de 1.221 persoas, sinala que a candidatura da que forman parte, entre outras organizacións, Convergencia e ERC obtería o 42,5% das papeletas, é dicir, entre os 65 e os 70 deputados e deputadas.

Ademais, a enquisa sinala que a CUP, actualmente con tres parlamentares, podería conseguir entre oito e dez parlamentares, de maneira que lograría grupo propio na Cámara tan só unha lexislatura despois de entrar.

Ciutadans, Catalunya Sí que es Pot e o PP disputarían a segunda posición con porcentaxes de voto que oscilarían entre o 11 e o 13%. Así, Ciutadans pasaría de ser a sexta forza á segunda ao obter entre 15 e 18 escanos, fronte ao PP, que conseguiría entre 14 e 17. Catalunya Sí que es Pot, listaxe que inclúe Iniciativa, EUia, Podemos e Equo, conseguiría entre 12 e 16 escanos. A enquisa tamén amosa a caída do PSC, que pasaría do 14% ao 9%, ao pasar dos 20 deputados e deputadas a entre 12 e 13. Unió, que se presenta por vez primeira sen CDC, non conseguiría representación.

Segundo os resultados da enquisa, o bloque partidario da independencia de Cataluña obtería entre 73 e 80 (actualmente, 74) dos 135 deputados e deputadas do Parlamento catalán, mentres que os contrarios ao soberanismo (PP, PSC e C’s) manterían os 48 escanos ou reduciríanos até os 41. Máis dunha parte das persoas enquisadas, o 26,7%, decláranse indecisas de cara ás eleccións do 27-S.

Máis en Mundo
Comentarios