A axencia palestina de noticias Maan informa de bombardeos por parte da aviación israelí no campo de persoas refuxiadas Nuseirat, situado no centro de Gaza. Ficaron feridas de gravidade, cando menos, catro persoas, que xa permanecen hospitalizadas.
O ataque contra o campo de persoas refuxiadas foi confirmado por un portavoz do exército israelí, Peter Lerner, quen afirmou que un caza bombardeiro israelí lanzou incursións aéreas contra unha base de Hamás.
Nun comunicado, Peter Lerner xustificou a ofensiva, sinalando que se deu en resposta a un suposto ataque de foguetes desde o enclave costeiro. Porén, este presunto lanzamento de foguetes non foi confirmado polas autoridades palestinas.
Na última ofensiva de 50 días contra Gaza, que tivo lugar no verán de 2014, o Goberno israelí asasinou máis de 2.100 palestinos e palestinos, dos que 500 foron crianzas. Unhas 18.000 vivendas foron destruídas polos continuos bombardeiros e máis de 100.000 persoas ficaron sen fogar.