Israel boicotea o proceso de paz cunha nova colonización en Palestina

O Goberno sionista ven de anunciar a construción de máis de mil vivendas en Cisxordania e Xerusalén Leste. O territorio palestino ocupado aumentou un 182 por cento nas últimas dúas décadas.

Evolución histórica da ocupación israelí en Palestina
photo_camera Evolución histórica da ocupación

A tres días para o comezo das negociacións de paz, conxeladas desde 2010, Israel anunciou unha nova colonización das terras palestinas. O Goberno sionista prevé construír máis de mil vivendas nos territorios ocupados de Xerusalén Este e Cisxordania. A decisión tería o visto bo de USA, no seu papel de mediador, e como contrapartida a excarceración de 103 presos palestinos en cárceres israelís, segundo o diario israelí ‘Maariv’.

“A construción ininterrompida de asentamentos pretende illar Xerusalén do resto de Cisjordania”

Israel insiste na súa política invasora, o que foi cualificado polas autoridades palestinas como un novo intento de “sabotaxe” do proceso de paz por parte do primeiro ministro Benjamin Netanyahu. Palestina esixía o compromiso israelí de deter a colonización das súas terras para volver á mesa de negociacións. Só conseguiron unha promesa verbal de frear os asentamentos xudeus, promesa que o estado sionista volve incumprir.

Segundo un estudo do Instituto de Investigación Aplicada de Xerusalén (ARIJ), o territorio palestino ocupado por Israel aumentou un 182 por cento nas últimas dúas décadas. A meirande parte destas coloniais ilegais, como reiterou en numerosas ocasións a mesma ONU, encóntranse en Xerusalén Leste, onde Israel continúa coa súa limpeza étnica. 

O territorio anexionado pasou así de 69 quilómetros cadrados en 1990 a 195 en 2012, namentres o número de colonos israelís evelouse de 240.000 a 693.000 (un 189 por cento máis) no mesmo período de tempo. “A construción ininterrompida de asentamentos pretende illar Xerusalén do resto de Cisxordania”, asegura o ARIJ. A mesma política que tronzou a Palestina en dous. 

Israel non cederá nas súas pretensións colonizadoras

Os diálogos de paz, paralizados desde 2010, está previsto que comecen esta cuarta feira en Xerusalén, entre a ministra de Xustiza hebrea, Tzipi Livni, e o xefe negociador palestino Saeb Ekerat. As reunións prolongaranse durante nove meses, con encontros semanais en Xerusalén, Ramala, Xericó ou Ammán, e co diplomático estadounidense Martin Indyk como intermediario.

Mais a política de colonización sionista non ten visos de rematar, boicoteando novamente as conversacións. O ministro de Vivenda, Uri Ariel, do partido ultra dereitista e representante dos intereses do movemento invasor, Habait Hayehudí, advertiu de que non "permitirán que ninguén lles dicte onde poden ou non construír". 

Máis en Mundo
Comentarios