129 MORTAS E 352 FERIDAS

ISIS di que os atentados de París son resposta aos ataques franceses en Siria

Na noite desta sexta feira, 13 de novembro, faleceron cando menos 129 persoas após seis atentados simultáneos no centro de París. INews-Arabia sinala que o Estado Islámico vén de reivindicar a autoría dos ataques.

Estadio Francia
photo_camera Espectadores no Stade de France á espera de seren evacuados após os atentados

Cando menos 129 persoas morreron como consecuencia de seis atentados simultáneos que tiveron lugar na noite desta sexta feira, 13 de novembro. Das 128 persoas falecidas, 70 foron asasinadas na toma de reféns da sala de concertos Bataclan. Ademais, o balanzo dos atentados inclúe 352 persoas feridas.

Debido aos atentados, o presidente francés, François Hollande, decretou o feche de fronteiras –algo que non acontecía desde o 1944- e declarou o estado de emerxencia en toda Francia.

Segundo o fiscal xeral, François Molins, cando menos oito terroristas falecerían nos atentados, un deles abatido pola policía. Continúa aberta a investigación, que determinará o acontecido, o perfil dos autores e a existencia de posíbeis cómplices.

Trataríase dun “acto de venganza por Siria” e polo “11 de setembro de Francia”

O medio de comunicación INews-Arabia sinala que o ISIS reivindicou a autoría dos atentados de París. Trataríase dun “acto de venganza por Siria” e polo “11 de setembro de Francia”. Tamén SITE, o portal de seguimento de información do ISIS, anunciou a reivindicación dos atentados por parte do Estado Islámico. Posteriormente, o presidente francés cualificou os atentados como "un acto de guerra cometido por un exército terrorista" e advertiu de que será "implacábel" contra a "barbarie" do ISIS, tanto dentro como fóra de Francia.

O Estado Islámico estendeu a súas ameazas a Francia e aos países “cruzados” que colaboran na loita contra o terrorismo en Siria e no Iraq. O ISIS advírtelle a Francia que seguirá estando “entre os principais obxectivos” do yihadismo e respirando “o cheiro da morte” por “insultar” o profeta Mahoma, perseguir o islam no seu territorio e por ter bombardeado musulmáns “na terra do califato”.

Nun vídeo anterior aos atentados, o ISIS chamaba a Francia a retirar a súa colaboración coa coligazón que encabeza os EUA, "mentres sigades bombardeando non viviredes en paz. Teredes medo até de ir ao mercado".

Seis atentados simultáneos

O ataque comezou na rúa Carrillon, cunha explosión á que seguiu un home armado que disparou contra os comensais de dous restaurantes. Á vez, dous homes disparaban contra a terraza dun café na rúa Charonne. 

Noutro punto de París, nas proximidades do Stade de France, onde tiña lugar un partido de fútbol amigábel entre Francia e Alemaña, oíanse tres explosicións -dúas delas serían obra dos terroristas suicidas.

A sala de concertos Bataclan foi o principal obxectivo desta serie de ataques simultáneos. No concerto do grupo Eagles of death metal, os terroristas tomaron as persoas espectadoras como reféns e asasinaron unhas 70.

Os outros ataques tiveron lugar en tiroteos nos distritos 10 e 11 de París.

Concentracións en concellos galegos

Concentración en CompostelaConcellos galegos, como o de Santiago, Lugo, A Coruña ou Lalín, convocaron na mañá deste sábado, 14 de novembro, un minuto de silencio en repulsa dos atentados de Francia. Tamén a Xunta, formacións políticas e entidades sociais e culturais amosaron a súa solidariedade co pobo francés.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, instou a ver tamén "con proximidade" o sufrimento dos pobos que "padecen unha guerra terríbel na que morren centenares de civís". "Todas as vítimas humanas civís que hai no mundo, que hai en Oriente Medio, ao igual que as de París, son vítimas humanas coas que temos que ter o mesmo sentimento, e desde logo, compromiso e solidariedade", sinalou en declaracións aos medios na concentración convocada en Santiago, á que asistiu, entre outros, o alcalde, Martiño Noriega, os conselleiros Francisco Conde e Jesús Vázquez Alumuíña ou o secretario xeral de Podemos, Breogán Riobóo.

Máis en Mundo
Comentarios