XEOPOLÍTICA

Hollande exixirá a Merkel a fin do 'bipartito francoalemán'

O novo presidente socialista de Francia entrevistarase coa súa homóloga alemá despois de tomar posesión do cargo. Trasladaralle a idea de que ''o rumbo intergobernamental hai que conxugalo co proceso comunitario para que os nosos socios non se sintan sometidos''

"Creo tanto no motor francoalemán canto rexeito a idea dun monopolio. As parellas Schmidt-Giscard, Kohl-Mitterrand, e mesmo Chirac-Schröder demostraron que as diferenzas políticas non impiden o traballo común. Mais estes dirixentes tentaban conxugar a marcha do rumbo intergobernamental co proceso comunitario. Era a mellor forma de evitar que os nosos socios se sentisen descartados ou, peor aínda, sometidos".

Estas palabras pronunciounas hai uns días o presidente de Francia, François Hollande --Partido Socialista-- na única entrevista en que se referiu ao panorama internacional e que concedeu a Slate.fr As mesmas ideas serán as que lle achegue nesta segunda feira á súa homóloga en Alemaña, Angela Merkel, con quen manterá unha cea de traballo en Berlín despois de tomar posesión do seu cargo e do tradicional saúdo aos e ás francesas desde o balcón do Elíseo. Por certo que, contra o acontecido en investiduras anteriores, cunha lista de até 500 persoas convidadas, nesta ocasión só estará presente unha trintena de persoas, entre elas os presidentes do Senado e da Asemblea Nacional, e antigos primeiros ministros socialistas.

O acto da axenda de Hollande que ergue máis espectativas é, sen dúbida, a reunión con Merkel. O presidente francés chegará disposto a lle facer entender que Francia e Alemaña non poden decidir soas o destino de 500 millóns de persoas. Na liña, Hollande avoga por renegociar o tratado de austeridade asinado en marzo por 25 dos 27 países da Unión Europea para incorporar medidas de estímulo ao crecemento e o emprego. Merkel dirá, seguramente, que non quere tocar ese documento.

Outra das citas chave de Hollande será a entrevista con Barack Obama, presidente dos USA, antes do cume do G-8. O domingo participará en Chicago nunha reunión da OTAN --Organización do Tratado do Atlántico Norte--, na cal un dos temas prioritarios será a presenza militar en Afganistán. Washington busca o compromiso dos seus aliados para manter as tropas de ocupación nese país centroasiático até finais de 2014, mais Hollande prometeu retirar o continxente francés antes de terminar este ano.

Máis en Mundo
Comentarios