Hollande di que en Francia cómpren 30 mil millóns para cadrar as contas de Bruxelas

O presidente francés agacha as orellas perante o Pacto de estabilidade de Merkel. Anuncia que flexibilizará o mercado laboral, revisa á baixa as previsións de crecemento e mantén a taxa do 75% para quen cobra máis dun millón ao ano

O presidente francés, François Hollande, valeuse do telexornal do serán para pedir á cidadanía "o esforzo económico máis grande dos últimos 30 anos: hai que atopar 30 mil millóns", espetou. O home que se vendeu como a alternativa ás políticas neoliberais e aos axustes antisociais que impuña Nicolas Sarkozy ao ditado de Angela Merkel vén de deixar claro agora que a súa fidelidade ao Pacto de estabilidade existe. Só se adiaron os prazos.

Segundo informa a prensa internacional, Hollande revisou á baixa a previsión de crecemento da economía do estado francés para 2013, pasando do 1,2% ao 0,8%. Dixo que lle cumprían algo máis de 30 mil millóns para facer cadrar as contas, e falou da necesidade de proceder a unha reforma do mercado de traballo "para que sexa máis flexíbel", coa promesa de crear 100 mil empregos de aquí a finais de ano e "invertir a curva do paro".

Bruxelas puxo deberes: levar o déficit ao 3% en 2013. Por tanto, toca aforrar: 15 mil millóns virán da subida de impostos, até 10 mil millóns da contención do gasto público --recortes--, 2.500 na seguridade social e 5 mil das medidas que xa anunciara en xullo, como taxar as horas extras. Dixo Hollande que non tocaría a educación, e que a medida de cobrar unha taxa do 75% a quen gañe máis dun millón ao ano non terá excepcións.

Máis en Mundo
Comentarios