Gerry Adams será liberado após catro días detido e só se enviará un informe á Fiscalía

Medios republicanos irlandeses relacionan a detención do líder do Sinn Féin cunha montaxe para frear a posibilidade que marcan as enquisas dunha vitoria deste partido nas eleccións tanto na zona independente de Irlanda como na que segue baixo dominio británico.

Gerry Adams
photo_camera Gerry Adams

O presidente do Sinn Féin, Gerry Adams, será posto en liberdade este domingo e a Policía Norirlandesa limitarase a presentar un informe á Fiscalía, a pesar de que Adams foi arrestado a pasada cuarta feira e estivo detido até hoxe.

Adams foi levado a comisaría para ser interrogado en relación co asasinato de Jean McConville, cometido polo IRA en 1972. Malia tanta espectacularidade, o Servizo de Policía de Irlanda do Norte (PSNI) simplemente trasladará un informe á Fiscalía, que será o organismo que decida si hai caso.

Esta información foi ofrecida pola BBC e a televisión pública irlandesa (RTÉ), que con anterioridade informaron de que Adams sería posto en liberdade sen cargos, algo que non parece así, aínda que os cargos dependerán dun proceso posterior.

A Fiscalía será agora a instancia que decida si hai caso

Segundo escribiu Niall O'Dowd no periódico Irish Central, e publica tamén Gara, o ocorrido con Adams “é o último exemplo do carácter altamente selectivo do proceso de xuízos en Irlanda do Norte. Parece que os únicos supostos delitos perseguidos son os do bando nacionalista, con pouca ou ningunha atención ás atrocidades do outro bando”.

Medo a unha vitoria do Sinn Féin

“ U-las pescudas sobre o masacre de Loughinisland durante o partido entre Irlanda e Italia do Mundial de 1994? E dos atentados con bomba de Dublín e Monaghan de 1974 que causaron 33 mortos? En realidade está claro que hai só un obxectivo e ese é o das figuras chave do Sinn Féin como Adams, que presentan tal ameaza para a orde establecida que farán calquera cousa para derrubalos. Os anti-Sinn Féin están moi asustados neste momento. As recentes enquisas na República de Irlanda amosan como crece o voto ao seu favor nas próximas eleccións europeas. E no Norte, cunha poboación nacionalista cada vez maior, hai unha gran posibilidade de ver un goberno encabezado polo Sinn Féin. E se gobernan en Norte e Sur? Iso fai voar as fantasmas”, escribiu Niall O'Dowd.

Máis en Mundo
Comentarios