ELECCIóNS CATALáS

A Generalitat vaticina un aumento da participación nas eleccións catalás

A Generalitat catalá puxo de manifesto hoxe que espera un aumento da participación nas eleccións que terán lugar este domingo. Proba disto é o incremento dun 62,5% no número de solicitudes de voto por correo.

Meritxell_Borràs
photo_camera Meritxell_Borràs

Segundo os datos achegados pola Generalitat, para as eleccións que se celebran mañá recibíronse un total de 107.421 solicitudes de voto por correo, mentres que en 2012, eran de 63.142. Estas cifras provocan que vaticine un aumento da participación nos comicios cataláns.

Pola outra banda, a Generalitat aproveitou para cargar contra a Xunta Electoral Central, que denegou a petición de alongar o prazo de voto por correo no estranxeiro, logo de que numerosas persoas residentes en países como Chile, os EUA ou a China non puidesen votar por non recibir a tempo as papeletas.

Os ollos do mundo, postos sobre Cataluña

En rolda de prensa, a conselleira de Governació i Relacions Institucionals, Meritxell Borràs, puxo de manifesto que as eleccións de mañá “espertaron o interese e as expectativas moi altas”. Sinalou que perto de 600 profesionais de 128 medios están acreditados e acreditadas para seguir a xornada. Deles, perto de 200 son de fóra do Estado español. “Mañá os ollos do mundo estarán postos sobre Cataluña e os cataláns”, salientou a responsábel da Generalitat.

Durante a xornada de mañá, a Generalitat fornecerá toda a información sobre participación e resultados a través da web www.resultats.parlament2015.cat.

Máis en Mundo
Comentarios