A Fundación Francisco Franco apresenta o Borbón como sucesor do ditador

No último día de reinado de Juan Carlos I, a Fundación Francisco Franco cualifica nas redes sociais o Borbón como sucesor do ditador. A entidade publica imaxes do monarca con Franco que, segundo din, non están a aparecer nos medios de comunicación. 

Franco, Sofía e Juan Carlos
photo_camera Franco, Sofía e Juan Carlos

“Boas tardes a todos os nosos seguidores e amigos, último día de reinado de Juan Carlos de Borbón, sucesor de Franco #ArribaEspaña ”, di a Fundación Francisco Franco a través dunha mensaxe publicada na rede social twitter desde a que teiman en reivindicar o pasado franquista da casa real española.

Desde que Juan Carlos I anunciou a súa abdicación, a Fundación Francisco Franco está a desempoeirar algunhas das imaxes que teñen no seu amplo arquivo que dan mostra da estreita relación entre o Borbón e o ditador. Entre elas, nas redes fixeron pública unha fotografía da última aparición pública de Francisco Franco o 1 de outubro de 1975. Á súa beira atopábanse Juan Carlos de Borbón e Sofía. 

Outra das imaxes que estes días reproducen é unha fotografía dedicada do Rei de España e pai de Felipe VI que chegou a Xefe do Estado por vontade do “caudillo”, nome que empregan a cotío para denominar o ditador. A fotografía é un retrato de Juan Carlos de Borbón empuñando o leme dun barco na que aparece manuscrito o texto “Al Generalísimo Franco, con mucho cariño y mayor respeto”

A Fundación Nacional Francisco Franco naceu en 1976, só un ano despois da morte do “caudillo”. Nos seus obxectivos está o de defender “a verdade” do personaxe histórico e o seu legado. “Nesta liña de actuación, xunto con outras actividades, sae constantemente ao paso, de forma documentada e obxectiva, de tanta mentira e distorsión da verdade”, sinalan na súa páxina web. As imaxes publicadas corresponden ao seu arquivo de máis de 30.000 documentos co que queren facer un “servizo á historia de España, para facer que esta historia chegue sen tapuxos nin veladuras ás novas xeracións”.

Máis en Mundo
Comentarios