Finlandia participará no rescate español a cambio de 770 millóns

O diñeiro pagarase en tramos, o primeiro por valor de 231 millóns.

O Estado español aportará 770 millóns en efectivo procedentes do Fondo de Garantía de Depósitos –creado por decreto-lei o pasado mes de outubro, como aval da contribución finesa ao rescate financeiro da economía española. A aportación ás contas de Finlandia, baséase na cifra estimada pola axencia de calificación Standar&Poors a respecto das posíbeis perdas derivadas da insolvencia española.

O desembolso do diñeiro a unha conta finesa realizarase por tamos, de igual xeito que o estado español irá recibindo os fondos europeo. Xa que logo, os primeiros 30.000 millóns de euros, que previsibelmente chegarán a finais deste ano, custaranlle ao goberno de Rajoy 231 millóns encamiñados a paliar a incertidume dos inversores fineses ante un posíbel impago na devolución do rescate. A ministra de finanzas finesa Jutta Urpilainen, que anunciou esta terza a decisión adoptada polo seu goberno, renuncia con este acordo aos posíbeis beneficios obtidos polo rescate á economía española -emanados dos xuros que o estado español pagará coa devolución do diñeiro empresado.

Finlandia é o único país da Unión Europea que exixiu avais para o financiamento da economía española, do mesmo xeito que constituía o país máis reacio á súa aprobación. Coa sinatura deste acordo, o Estado español garante a aprobación do rescate, que deberá contar co apoio unánime dos estados membros da eurozona. O presidente do eurogrupo, Jean-Claude Juncker, convocou para a mañá da vindeira sexta 20 de xuño a xuntanza por vídeo-conferencia dos países que compoñen a eurozona. Nesta reunión os 17 estados aprobarán formalmente o rescate financeiro español.

O país nórdico amosouse contrario nas últimas xuntanzas do eurogrupo a apoiar o rescate da economía española mais tamén a unha maior integración da UE se iso supuña responsabilizarse das débedas dos demais estados. A súa ministra de finanzas, Jutta Urpilainen, chegou a ameazar coa saída do euro de Finlandia –un dos poucos estados membros cuxos bonos manteñen a valoración máis alta (Aaa).

Máis en Mundo
Comentarios