Moita policía e moi pouca xente nas rúas na coroación de Felipe VI

Con vestimenta militar, como fixera o seu pai Juan Carlos hai 39 anos, a proclamación de Felipe VI pasará á historia polas grandes ausencias. Nin o anterior rei nin a súa irmá Cristina, encausada polo escándalo Nóos, asisten a un acto sen mandatarios internacionais. Non asistiron tampouco as forzas nacionalistas de esquerda.

Comitiva real pola Gran Vía de Madrid
photo_camera Comitiva real pola Gran Vía de Madrid

Como fixo o seu pai hai 39 anos, os mesmos que se mantivera na xefatura do Estado Francisco Franco, e co uniforme militar como os seus antecesores, Felipe VI proclámase rei nunha cidade tomada polas forzas de seguridade, con 7.000 membros da policía e da guardia civil e máis de 120 francotiradores. As forzas armadas controlan tamén o espazo aéreo nunha xornada que, malia ser feriada en Madrid pola celebración do Corpus non acadou a resposta social que se agardaba para o seguimento da comitiva real desde o Congreso a Zarzuela. 

De feito, o primeiro acto oficial de Felipe VI como rei foi un acto militar, a imposición da faixa real que o converte en capitán xeral dos tres exércitos por parte de Juan Carlos de Borbón, o único da axenda da mañá no que estaría presente o anterior Xefe do Estado. 

Tras recibir honras militares, Felipe VI asistiu á sesión de proclamación das Cortes co uniforme de xefe do exército español. No congreso aprécianse as ausencias de representantes do BNG, ERC, ICV, Izquierda Unida, Compromis, a Chunta Aragonesista, Amaiur e Geroa Bai. Na chegada de Felipe VI ao hemiciclo, puido constatarse tamén o silencio de Urkullo, de PNV, e Artur Mas, de CIU, que se abstiveron tamén na votación da lei de abdicación, no momento dos aplausos. 

No seu discurso, Felipe VI cita a Castelao, Machado, Espriu e Aresti

Non son estas as únicas ausencias da xornada. Nin seu pai, o anterior rei, nin a súa irmá a imputada polo caso Nóos, a Infanta Cristina de Borbón participan nos actos de proclamación de Felipe VI que tampouco conta con representantes internacionais. 

No discurso, Felipe VI falou dunha "monarquía renovada para un tempo novo" e referiuse ao reinado de Juan Carlos I. Agradeceu os servizos da súa nai Sofía de Grecia, ademais de citar o avó que nunca reinou por decisión de Francisco Franco, o Conde de Barcelona. Nun momento de grande cuestionamento da Casa Real -despois da imputación de Cristina de Borbón e os escándalos de Juan Carlos I, quen até se viu obrigado a pedir disculpas en público- Felipe VI defendeu unha necesaria "exemplaridade" da monarquía."Hoxe máis que nunca, os cidadáns demandan que os principios morais e éticos inspiren os noso actos e o rei ten que ser un servidor desa esixencia", dixo. 

Apostou no seu discurso nunha España moderna dunha nova xeración, xa non a do século XX, e referiuse en varias ocasións ao desemprego como o problema deste tempo ademais de citar as vítimas do terrorismo. 

Fe na unidade de España

"Caben todas as formas de sentirse español", dixo Felipe VI despois de citar no seu discurso a escritores como Antonio Machado, Salvador Espriu, Gabriel Aresti e Castelao, un nome por cada das linguas oficiais do Estado. Despediu o seu discurso tamén en español, catalán, galego e vasco. Con anterioridade, no seu discurso, Felipe VI afirmou que "xunto ao castelán, as outras linguas de España forman un patrimonio común que debe ser protexido tal e como establece a Constitución", despois de reafirmar a súa "fe na unidade de España".

"En Madrid, ademais de bloquear o espazo aéreo, a delegación do Goberno prohibiu as manifestacións"

A policía anunciou tamén que se impediría a mostra de bandeiras republicanas no percorrido da comitiva real polo centro da cidade e mesmo antes e despois da proclamación. En Madrid, ademais de bloquear o espazo aéreo, a delegación do Goberno prohibiu as manifestacións, mesmo a que estaba prevista á noite contra a impunidade dos crimes do franquismo. 

A  bandeira española converteuse  no símbolo da xornada e edificios como o de Telefónica cubríanse na súa meirande parte por “roji-gualdas de inmensos tamaños. Os valados que se instalaron durante todo o percorrido da comitiva estaban tamén cubertas por longas bandeiras españolas. As imaxes mostraban, pese as previsións e á xornada feriada, moi pouca afluencia de público nas rúas no primeiro desfile de Felipe VI e Leticia como reis de España. 

Máis en Mundo
Comentarios