Erdogan quere erradicar o partido

O Exército turco mata 260 integrantes do PKK no mes de decembro

Fontes oficiais aseguran que só no mes de decembro o Exército turco matou cando menos 260 militantes do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) no sueste do país.

Erdogan, á esquerda, con Obama
photo_camera Erdogan, á esquerda, con Obama

Do total de falecidos, uns 200 integrantes do PKK serían asasinados na provincia de Sirnak e o resto, en Diyarbakir, ao sueste do país. Ademais, segundo o Exército, nas operacións que tiveron lugar en decembro incautáronse municións e destruíronse instalacións.

A ofensiva militar, que comezou hai quince días, contou coa participación de 10.000 soldados turcos e provocou que os territorios habitados na súa meirande parte por civís kurdos fosen abandonadas. Calcúlase que cando menos 200.000 residentes xa deixarían a zona pola crecente violencia. De feito, durante os enfrontamentos morreron uns 30 civís.

O presidente turco, Erdogan, sinalou que a ofensiva continuará até que acabe co PKK e cifrou en máis de 3.000 os membros desta organización que perderon a súa vida desde mediados de 2015 durante ataques aos territorios do leste de Turquía e do Iraq. Precisamente, a pasada cuarta feira, a forza aérea turca bombardeou territorio iraquí e violou o espazo aéreo do Iraq. Erdogan advertiu de que a decisión do despregamento de militantes neste país é irrevogábel polo momento. O Goberno iraquí dirixiuse ao Consello de Seguridade da ONU para que se pronuncie sobre o despregue de tropas turcas.

Máis en Mundo
Comentarios