O exército español instrúe militares para operar como 'antidisturbios'

O Reximento de Cabalería Lixeiro Acorazado Lusitania foi instruído por mandos da Policía Militar para actuar contra civís e a modo de apoio da Policía española e a Garda Civil.

Público
photo_camera [Imaxe Público.es]

Segundo conta o xornal Publico.es, oficiais e tropa pertencentes ao Reximento de Cabalería Lixeiro Acorazado Lusitania, instalado en Valencia, recibiron instrución por parte de membros da Policía Militar en materia 'antidisturbios'. As maniobras militares terían decorrido nas semanas centrais do mes de outubro e foron consideradas por fontes do exército --citadas por Público-- como "inéditas" e "estratañas". 

No cuartel rumoréase que estes soldados estarían a ser instruídos para prestar apoio á Policía española e a Garda Civil

"Ensináronnos como arrastrar xente, pór esposas, controlar as masas...", explicou un soldado ao diario dixital madrileño, "mais non nos explicaron para que misión precisabamos esa formación". Ora ben, acrecentan desde o xornal, podería tratarse dunha instrución encamiñada a formar os soldados como apoio da Policía española e da Garda Civil se estes corpos o precisasen nun momento determinado. 

"Coméntase no cuartel que nos dixeron que tiñamos que estar preparados para todo, segundo os mandos, e máis nos tempos que corren", sinalou un dos participantes nos exercicios militares a Público.es. "Rumoreábanse e sospeitábanse moitas cousas da finalidade destes exercicios que eran absolutamente estraños tendo en conta as características do Reximento Lusitania, que é unha unidade acorazada, é dicir de blindados". 

Aliás, trátase dunha brigada que participou no golpe de estado de 1981 baixo as ordes do tenente xeneral Jaime Milans del Bosch. Na actualidade, desenvolve tarefas de apoio ás orperacións militares internacionais despregadas pola ONU. 

Máis en Mundo
Comentarios