AMÉRICA DO SUR

Estudantado e movemento obreiro rexeitan en Nicaragua as propostas do FMI en materia laboral e do ensino

O organismo das Nacións Unidas pretende rebaixar o orzamento estatal destinado á educación universitaria e subir a idade e as cotas dos e das traballadoras de cara á xubilación

O estudantado universitario e o movemento obreiro de Nicaragua xuntaron folgos para manifestaren o seu rexeitamento ás propostas do FMI --Fondo Monetario Internacional--, cuxa aplicación suporía reducir o financiamento estatal destinado ao ensino superior e aos dereitos dos e das traballadoras á xubilación.

Segundo a Unen --Unión Nacional de Estudantes de Nicaragua--, a lexislación do país ampara a educación gratuíta e pública universitaria, ao estabelecer a entrega do seis por cento do Orzamento Xeral da República por mandato da Constitución. O FMI pretende rebaixar o orzamento dos cadros de persoal universitario para afrontar os custos da docencia na educación primaria e media.

Para o movemento estudantil, expresa o pronunciamento, o seis por cento constitúe unha reivindicación dos dereitos do pobo, que tentaron arrebatar os gobernos neoliberais e cuxa restitución foi posíbel polo retorno da Fronte Sandinista de Liberación Nacional á dirección do goberno, co mandatario Daniel Ortega. O texto presentado pola Unen lembra que acadar o citado financiamento e a autonomía universitaria custou "sangue, suor e sacrificio de xeracións".

Durante os 16 anos de gobernos neoliberais, Ortega acompañou toda a comunidade universitaria nas longas xornadas de loita, estimou a organización estudantil, quen non descarta que tanto o sector obreiro como o estudantil se boten ás rúas nas vindeiras semanas.

Aumentar a idade e as cotas de xubilación
Tampouco o sindicalismo concorda coa recomendación do organismo das Nacións Unidas de estender a idade de xubilación dos 60 aos 65 anos e das 750 ás 1.500 a cantidade de semanas cotizadas. Dirixentes da CTS --Central Sandinista de Traballador@s-- reiteraron que é preciso adecuar as normas xurídicas, mais acorde coas realidades internas, mediante o consenso entre o Executivo, o persoal asalariado e a empresa.

Entenden que é "imprescindíbel" unha reforma integral que permita, alén das mudanzas no réxime da Seguridade Social, sintetizar máis de 300 decretos e cinco leis sobre esta cuestión que fican a día de hoxe vixentes en Nicaragua. E defenderon tamén a inscrición de miles de traballadoras e traballadores "informais", o que ofrecería "maior forza ao instituto" do Seguro Social "e non sería preciso aumentar nin a idade nin as cotas".

Máis en Mundo
Comentarios