Estados Unidos multa con 4,2 millóns a unha axencia por organizar viaxes a Cuba

A empresa holandesa con capital norteamericano Wagonlit Travel terá que pagar 5,9 millóns de dólares (4,2 en euros) por saltarse o embargo entre 2006 e 2012 e organizar viaxes turísticos a Cuba.

A axencia de viaxes holandesa Wagonlit Travel (CWT) foi obrigada a pagar unha multa de 5,9 millóns de dólares (máis de 4,2 millóns de euros) por violar o embargo económico imposto por Estados Unidos a Cuba desde os anos 60, que busca forzar así o final da revolución encabezada por Fidel Castro.

O Departamento do Tesouro estadounidense informou de que a axencia de viaxes ofreceu "servizos relacionados con viaxes cara a ou desde Cuba" a máis de 44.400 persoas entre os anos 2006 e 2012, segundo informou a BBC.

Malia que a empresa ten a súa sé en Holanda, a maior parte d@s accionistas son estadounidenses, polo que está suxeita á lexislación deste país. Esta multa é unha das maiores impostas a unha axencia de viaxes por violar o embargo, que segue a ser moi protestado a nivel internacional e ten provocado infinidade de problemas á poboación cubana, que aínda así mantén un grande apoio porcentual á revolución castrista.

A pesar da súa faciana progresista, a chegada de Barack Obama á presidencia de Estados Unidos non mudou no fundamental a moi agresiva política do seu país cara Cuba, alén de xestos mediáticos como o saúdo que cruzou con Raúl Castro no funeral por Nelson Mandela.

Máis en Mundo