Esperanza Aguirre dimite en plena precampaña electoral en Galiza e Euskadi

A presidenta madrileña comunicou a decisión nunha conferencia de prensa de urxencia, sen estar acompañada por ningún dirixente do PP e despois de lla trasladar a Mariano Rajoy.
Esperanza Aguirre
photo_camera Esperanza Aguirre

A presidenta da comunidade de Madrid, a popular Esperanza Aguirre, puxo fin de forma abrupta á súa carreira política dimitindo de todos os cargos. O anuncio fíxoo a propia Aguirre despois de manter un encontro co presidente do goberno, Mariano Rajoy, en que o puxo ao corrente da decisión. Previsibelmente será substituída polo actual vicepresidente, Ignacio González.

Visibelmente emocionada, coa voz entrecortada e ao bordo das bágoas, a que foi até hoxe unha das principais referencias do Partido Popular, e cabeza do seu sector ultraliberal e máis españolista, compareceu diante dos medios de comunicación na sala de prensa do goberno de Madrid. A presidenta madrileña alegou “motivos persoais” sen concretar e afirmou que entre os factores que motivaron a decisión está a súa enfermidade --hai varios meses foille diagnosticado un cancro do cal en principio está recuperada-- e outros “acontecementos persoais recentes”. Porén, Aguirre desvelaba que nos vindeiros días se someterá a unha nova revisión médica, o que faría aínda máis inexplicábel a decisión de hoxe.

Aguirre comparou a súa decisión con ter “cruzado o Rubicón” 

A saída de Aguirre, unha das principais dirixentes do PP, que mesmo estivo tentada de disputar o liderado do Partido ao propio Rajoy no congreso de Valencia de 2006, prodúcese en plena precampaña das eleccións autonómicas en Euskadi e Galiza do vindeiro 21 de outubro, en que o seu partido enfronta expectativas difíciles, nomeadamente no noso país, onde que Feijóo perda o goberno é unha posibilidade certa.

“Por que?”, “por que agora? e “por que así?”

Esas son as tres preguntas chaves que xorden tras o sorpresivo anuncio, do cal non houbo ningún indicio previo. A escenificación non se corresponde cunha saída amigábel e con avinza, máxime nun contexto electoral e menos nalguén que atesoura 42 anos de experiencia política. Ao contrario, a soidade con que Aguirre fixo pública a dimisión nunha conferencia de prensa de urxencia en prime time informativo, sen estar acompañada por ningún dirixente do PP --nin rexional nin estatal-- nin do seu goberno, ou o feito de que Mariano Rajoy apenas reaccionase cun sucinto comunicado expresando recoñecemento á traxectoria da “lideresa” alenta as teses que apuntan un conflito entre Aguirre e o propio Rajoy como posíbel explicación. “Mariano Rajoy comprende e valora esas razóns (as que lle trasladou Aguirre) e expresoulle os mellores desexos para esta nova etapa” reza o comunicado.

Todo apunta a que as causas reais desta dimisión pouco terían a ver co desexo de compartir máis tempo coa súa familia, que alegou Aguirre. O tono críptico da comparecencia, en que comparou a súa decisión con ter “cruzado o Rubicón” provocou un regueiro de especulacións.

Nesa liña, o portavoz de CiU no Congreso, Josep Antoni Duran i Lleida, manifestou que non descarta que a saída “se deba a discrepancias con Mariano Rajoy”. O PSOE, pola súa banda, limitouse a expresar o “respecto” á decisión, ainda que o secretario xeral do PSM, Tomás Gómez, comparecerá diante dos medios ás 17h. En termos semellantes se expresou, desde a rúa Génova, o portavoz do PP, Carlos Floriano, quen despois de afirmar que o de hoxe “é un día triste” para o partido, descartou que a discrepancia da presidenta do PP madrileño en relación ao excarceramento do preso da ETA, Josu Uribetxebarria Bolinaga, tivese nada a ver coa súa dimisión.

Máis en Mundo
Comentarios