AUMENTO DA XENOFOBIA

Encapuchados atacan persoas refuxiadas no centro de Estocolmo

Mentres Europa acolle manifestación a favor e en contra da chegada de persoas refuxiadas, un cento de encapuchados atacou solicitantes de asilo no centro de Estocolmo.

refuxiados

Estocolmo acolleu na pasada sexta feira o último episodio xenófobo contra as persoas refuxiadas. Tivo lugar cando un grupo formado por un cento de encapuchados –vinculados, presuntamente, co movemento neonazi sueco- atacou persoas refuxiadas na estación de ferrocarril principal da capital sueca.

O grupo de asaltantes repartiu panfletos dirixidos contra as crianzas refuxiadas que ameazaban con “darlles o castigo que merecen” e golpeou toda aquela persoa que lle parecese estranxeira. A policía detivo tres persoas relacionadas con estes feitos que, a día de hoxe, xa se atopan en liberdade.

A inicios de xaneiro, Suecia reforzou os controis nas súas fronteiras para reducir o fluxo de entrada de persoas refuxiadas. En 2015, un total de 163.000 persoas solicitaron asilo no país nórdico. A semana pasada, o Goberno anunciou a expulsión dunhas 80.000 persoas refuxiadas após negarlles o asilo.

En Alemaña producíronse máis de mil ataques en 2015

Pola outra banda, o Goberno alemán informou do incremento dos delitos contra os centros de acollida para persoas refuxiadas, onde xa se produciron máis de mil ataques. Esta cifra multiplicouse por cinco o ano pasado –en 2014 a cifra fora de 199--.

Aumentan as persoas refuxiadas que queren entrar en Europa

Segundo os datos da Organización Internacional de Migración (OIM), case 55.500 persoas refuxiadas chegaron a Europa no mes de xaneiro por vía marítima. O organismo advirte, ademais, de que 244 perderon a vida no Mediterráneo, cifra que supera as 85 mortes de xaneiro de 2015 e as 14 de 2014. A meirande parte destas persoas procede de África e do Oriente Medio.

A meirande parte das crises humanitarias que se viven en África e Oriente Medio son derivadas da inestabilidade social e política, froito, á súa vez, da intervención estranxeira. O caso paradigmático é o de Siria, país no que hai máis de 7 millóns de persoas desprazadas, debido aos ataques terroristas como o do autodenominado Estado Islámico ou da intervención militar estranxeira –nomeadamente de Francia e dos EUA--.

Máis en Mundo
Comentarios