El-Rei 'pasa' de responder as preguntas sobre a cacería en Botsuana porque é ''unha actividade privada''

A Casa Real española envía unha carta a Izquierda Unida explicando que Juan Carlos I ''dase por inteirado'' das cuestións trasladadas sobre o seu safari de luxo no país africano, e máis nada. Tamén o Goberno español rexeitou esclarecer esa viaxe no Congreso, censurando preguntas de varias forzas políticas, o BNG entre elas

Nun comunicado remitido este domingo á prensa, Izquierda Unida fixo pública a resposta que El-Rei  fixo chegar a esta formación política en relación ás preguntas sobre a súa cacería de elefantes en Botsuana. E se IU se limitase a dar conta desa información o comunicado viría en branco. A través dunha carta que enviou o xefe da Casa Real española, Juan Carlos I di que "ficou inteirado" das cuestións que os deputados Gaspar Llamazares e Ricardo Sixto formularon, mais que non dará explicacións sobre "actividades privadas".

Igual que lle pasou ao BNG, tamén Izquierda Unida e outras forzas políticas viron vetadas na Mesa do Congreso varias preguntas ao Goberno central relativas ao safari de luxo de El-Rei no país africano. Llamazares e Sixto decidiron enviar as súas inquedanzas directamente á Zarzuela, e a resposta foi que están "referidas a actividades privadas" e que "non foron admitidas a trámite pola Mesa do Congreso ao entender que non están suxeitas ao control parlamentario", amparando a Casa Real española o veto exercido nun órgano que controla o PP coa maioría absoluta.

Sobre Botsuana e sobre Corinna zu-Sayn Wittgenstein
Desde IU critican a "pretendida transparencia" da Coroa española cando fixo pública unha parte das súas contas, e compárana coa falta de respostas respecto dunha viaxe, a de Botsuana, da que a cidadanía do Estado non sabería nada se El-Rei non tivese que ser ingresado de urxencia para unha operación. Ademais de preguntar polo custo do periplo, a "necesaria prudencia" que debe observar o xefe do Estado, o "impacto na sensibilidade da opinión pública" --foi cazar elefantes-- e o desembolso de cartos públicos para facer fronte aos gastos da excursión cinexética de Juan Carlos I.

Tamén preguntaban os deputados se se tratou, por contra, dunha viaxe patrocinada, pois hai unha denuncia cidadá presentada xa por un delito de cohecho pasivo impropio en referencia ao pagamento da cacería polo empresario saudí Mohamed Eyad Kayadi. E finalmente querían saber da relación el El-Rei con Corinna zu-Sayn Wittgenstein: quen a nomeou "representante" do monarca español e "conselleira estratéxica" da delegación española que foi recibida no 2006 na capital saudí, polo príncipe Al-Waleed; "que xestións realizou" e "que papel xogou en relación coas inversións españolas en Arabia Saudí". Nin o Goberno nin a Casa Real español@s darán unha resposta.

Máis en Mundo
Comentarios