El-Rei bate contra "as políticas rupturistas" nunha entrevista-alegato centralista

Nunha entrevista concedida á televisión española, El-Rei asegura estar "preocupado" polas "políticas rupturistas" das que dixo, "non nos conveñen moito". O monarca non se pronunciou sobre a imputación de Urdangarin.
photo_camera El-Rei durante a entrevista

A primeira entrevista en moitos anos e case por vez primeira a un medio de comunicación español. A crise, non só de imaxe senón política, pola que atravesa a Coroa española está empurrando ao xefe de Estado a mudar a súa axenda e introducir nela novas fórmulas que reconstrúan ese ar "campechano" do que se valeu durante as últimas décadas para manter arredado da monarquía calquera debate.

Nunha entrevista pactada, en que o xornalista, Jesús Hermida, non fixo ningunha pregunta vencellada aos maiores e últimos escándalos da Casa real, El-Rei non tivo que pronunciarse a respecto da imputación do seu xenro, Iñaki Urdangarin, nin tampouco sobre o seu accidente mentres cazaba elefantes en Botsuana.

A televisión pública está a servir a Juan Carlos de Borbón para mellorar a súa imaxe nuns intres en que cada vez son máis as voces que baten contra a monarquía, ao constiruír un réxime anti-democrático --o monarca non foi elixido en votación e o seu cargo é, amáis de vitalicio hereditario--. Así mesmo o explicaban fontes da Casa real que aseguraron ter aceptado a proposta da canle pública "porque nos pareceu unha oportunidade". Porén, malia a que o rei refrendou os seus poderes coa sinatura da Constitución de 1978, o monarca comezou a se posicionar politicamente de maneira ben notoria nos últimos anos. Asi, a través dunha Carta publicada o pasado mes de setembro no sitio web da Casa real, o monarca defendía a "unidade de España" fronte as veleidades independentistas catalás, asegurando que este non era "tempo de escudriñar en esencias" nin de "dividir forzas".

Na súa entrevista-alegato centralista da pasada sexta, El-Rei volveu a asegurar, máis unha vez, sentirse "moi preocupado" polas "políticas rupturistas" , ás que mesmo calificou de "intransixentes". Neste senso, o Borbón mesmo afirmou que este era un dos asuntos que máis lle preocupaban nestes momentos pois, dixo, "non nos convén", entendemos que á monarquía en tanto que símbolo da "unidade de España", á que o monarca apelou en diversas ocasións durante a conversa con Hermida. No entanto, non son só as pretesións catalás as que preocupan ao monarca, quen tivo tempo para lembrarse "da violencia terrorista" como unha das "insatisfaccións" do seu cuarto de século reinando.

A desaparición dun dos maiores pactos de silencio após a ditadura --o que existiu tradicionalmente entre a imprensa española e a Casa real-- está a facer complexa a labor de El-Rei que en máis dunha ocasión tivo que dar explicacións polos seus comportamentos "inapropiados". Malia que durante a entrevista concedida a televisión española, o monarca non tivo que responder a preguntas comprometidas, o xefe de Estado español mesmo chegou a se disculpar polo acontecido en Botsuana mentres cazaba elefantes.

Porén, foi a imputación de Iñaki Urdangarín o asunto máis espiñento de 2012 para a Casa real, que axiña o borrou da axenda oficial. Tampouco houbo espazo na entrevista para que o monarca se pronunciase ao respecto. En troca, si aproveitou a oportunidade brindada por TVE --que emitiu a gravación en prime time (espazo de máxima audiencia)-- para amosar a faciana máis "humana" do Borbón e perfilar a liña sucesoria abrindo camiño a Felipe. Aínda que, a priori, El-Rei desbotou a idea dunha hipotética abdicación, si asegurou que o seu fillo "é o mellor preparado".

Máis en Mundo
Comentarios