DEREITOS

EEUU saberá até a orientación sexual de quen pase polos seus aeroportos

O Parlamento Europeo aceptou ceder datos persoais que van desde a escolla dun menú por razóns relixiosas até información sobre a saúde física e mental das persoas que viaxen

O Parlamento Europeo autorizou a cesión dos datos persoais, mesmo dos máis íntimos, de todas as persoas que viaxen desde Europa aos EEUU. En virtude deste acordo, as autoridades estadounidenses poderán coñecer case calquera detalle dos e das europeas que accedan ao país: o seu nome e dirección, o seu número de teléfono, os detalles do cartón de crédito, información sobre a equipaxe, a escolla dun ou doutro menú cando se faga por crenzas relixiosas e a petición de asistencia sanitaria.

Mais, alén dos anteriores, os e as viaxeiras deberán facilitar tamén a súa orixe étnica, a relixión, datos referidos á saúde física e mental e a orientación sexual. O acordo coas autoridades norteamericanas foi aprobado con 409 votos a favor, 226 en contra e 33 abstencións, e ratificouse este xoves nunha reunión mantida entre os ministros de Xustiza e Interior da Unión Europea.

Segundo contempla o acordo, a información seralle cedida ao Departamento de Seguridade Interior norteamericano para que este, en teoría, faga uso dela nun ficheiro que ficará activo durante dez anos agás aqueles referidos á orientación sexual ou crenzas relixiosas, que se almacenarán durante un mes e despois deberán ser borrados e só se fará uso deles "en casos excepcionais".

Máis en Mundo
Comentarios