Ecuador defende ao fundador do WikiLeaks diante da ameaza do Reino Unido

A confirmación do asilo diplomático de Assange ratifica a vontade do país sudamericano de defenderen a liberdade de información contra as grandes potencias mundiais. Reino Unido reafirmouse no seu interese contra o fundador do WikiLeaks e ameazou coa detención.
Assange

O ministro ecuatoriano de Asuntos Exteriores, Ricardo Patiño, anunciou que o seu país concedía asilo diplomático a Julian Assange, fundador do WikiLeaks. Despois de dous meses na embaixada dese país en Londres, a confirmación por parte ecuatoriana de accederen a recibir a Assange coincide coa grave ameaza de Reino Unido de aplicaren unha lei de 1987 que suspende o estatuto diplomático das embaixadas para permitiren a entrada violenta da policía nas instalacións. Pola súa parte, a figura do "asilado diplomático" que propón Ecuador permitiría abandonar a embaixada e viaxar ao país que a concedeu, neste caso Ecuador.

A decisión de Ecuador fundaméntase na traxectoria do propio Assange

Desde a Convención de Viena de 1961 ningún país violou a Lei de asilo en embaixadas, mesmo en caso de conflitos bélicos. Se o Reino Unido senta un precendente estaría en perigo todo o sistema diplomático mundial. A decisión de Ecuador fundaméntase na traxectoria do propio Assange e a falta dun xuízo xusto se non hai garantías da súa extradición a un terceiro país fóra da Unión Europea.

WikiLeaks publicou en 2010 informacións moi comprometedoras e clasificadas de varios gobernos, entre eles os EEUU. Desde entón a propia organización sofreu unha auténtica persecución e tamén as persoas que colaboraron en facilitaren milleiros de telegramas secretos sobre as actividades de varios gobernos.

Máis en Mundo
Comentarios