O ESTADO ISLAMICO REIVINDICARíA O ATAQUE

Un duplo atentado deixa 60 persoas mortas en Damasco

Aínda que os cálculos iniciais apuntaban a 40, o número de persoas falecidas nun ataque terrorista en Damasco (Siria) ascende a 60. O Estado Islámico reivindicaría o atentado.

[Imaxe: @YanniKouts] Atentado
photo_camera [Imaxe: @YanniKouts] Atentado

Un duplo atentado que tivo lugar este domingo no mercado do barrio de Al Saida Zainab –o principal núcleo xiíta ao sur de Damasco-- deixou, cando menos, 60 persoas mortas, segundo fontes do Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos.

O duplo atentado comezou co estoupido dun coche bomba que se atopaba xunto a un autobús con pasaxeiros e pasaxeiras. De contado tivo lugar a segunda explosión, provocada por un terrorista suicida, contra as persoas que trataban de socorrer as vítimas do coche bomba.

Al Jazeera informou de que o autodenominado Estado Islámico reivindicou o duplo atentado.

O barrio é un bastión dos xiitas, xa que nel se atopa a mesquita que acollería a sepultura de Zaynab ben Alí, neta de Mahoma, e filla do curmán do profeta, a quen os xiítas consideran o seu sucesor. De feito, a mesquita é protexida por Hezbolá.

Os datos da ONU elevan a 260.000 as persoas que morreron en Siria nos case cinco anos de guerra. Máis de 12 millóns de sirios e sirias, entre as que se atopan 5,5 millóns de crianzas, precisan de asistencia humanitaria inmediata.

Máis en Mundo
Comentarios