15M

Dúas persoas detidas no segundo desaloxo da Porta do Sol

A Policía española baleirou a praza de madrugada por segundo día consecutivo e identificou 81 persoas ''a raíz dunha estraña disputa que rompeu a tranquilidade da asemblea'' en que debatían se seguían ou non coa asentada, segundo conta o propio movemento 15M

A Policía española desaloxou esta segunda feira, por segundo día consecutivo, a Porta do Sol de Madrid, onde ao redor de 200 persoas pertencentes ao movemento 15M ficaban reunidas en asemblea tras a mobilización do sábado con motivo do primeiro aniversario das 'protestas indignadas'. Alén de baleirar a praza, hai dúas persoas detidas e 81 foron identificadas.

Tomando en conta a explicación que o propio colectivo fixo a través da web de Ágora Radio, creada hai un ano para darlle difusión a toda a actividade do 15M, a intervención policial --con trinta furgóns antidisturbios-- produciuse "a raíz dunha estraña disputa que rompeu a tranquilidade da asemblea", en que se debatía se continuaban na praza ou se a abandonaban. A Delegación do Goberno en Madrid concedera de prazo até as 22.00 horas do domingo, para evitar unha nova acampada.

Os e as indignadas engaden na citada páxina que "a liorta veu provocada por unha persoa que estivo toda a noite quentando a manifestación e interrompendo as intervencións, con berros de apoio ao pobo saharahui, e unha segunda que pasou a noite cunha careta de Anonymous que só quitou para agredir un asistente". Foi o segundo día que ficaban na Porta do Sol, símbolo do movemento, desafiando o linde horario imposto desde o goberno central. E foi o segundo día con desaloxos. Na madrugada do domingo a Policía española botou da praza outras 200 persoas, e levou 18 delas detidas.

Máis en Mundo
Comentarios