Diversas organizacións expresan cunha concentración en Vigo o seu apoio ao Presidente Nicolás Maduro

No acto que congregou a medio centenar de persoas diante do consulado de Venezuela participaron integrantes do BNG, Galiza Nova, CIG, Nós-Up, AGE e Comunistas da Galiza-PCPE.

Concentración solidaria con Venezuela en Vigo
photo_camera Concentración solidaria con Venezuela en Vigo

Impulsada a través dunha convocatoria nas redes sociais, Vigo foi sede onte dunha nova manifestación de apoio e solidariedade co pobo venezolano. A Asociación Galega de Amizade coa Revolución Bolivariana promoveu a concentración para expresaren o seu apoio ao Presidente Constitucional de Venezuela, Nicolás Maduro, así como o total rexeitamento as tentativas golpistas e desestabilizadoras que “a oligarquía imperialista” está a promover, segundo denuncian, na república bolivariana logo dos resultados das eleccións presidenciais do pasado día 14. 

“Maduro, seguro, aos ianquis dálle duro!” foi a principal consigna

A protesta tivo lugar ás portas do consulado venezolano. Consignas como “Maduro, seguro, aos ianquis dálle duro!” ou “Galiza, Venezuela, solidariedade”, foron as máis salientábeis, nun acto que congregou a medio centenar de persoas e no que fixeron parte para alén da AGARB, organización convocante, o BNG, Galiza Nova, Nós-UP, Briga, AGE e Comunistas da Galiza-PCPE, así como a Confederación Intersindical Galega. 

Xavier Moreda, coordinador xeral da AGARB, foi o encarregado de dirixir unhas palabras ante as persoas concentradas. Na súa intervención puxo en valor “os importantes logros conquistados pola revolución bolivariana” e salientou a relevancia do proceso venezonalo, asegurando que “Venezuela é demasiado importante para toda a esquerda do mundo”. Moreda criticou con dureza a violencia coa que “a oposición pretende desestabilizar o país ao ditado dos EUA” e que xa produciu 8 mortos e decenas de feridos, denunciando tamén o que cualificou de “actitude colonial da España decrépita” pola reservas iniciais do executivo español a recoñecer o resultado electoral. Neste senso, expresou a “solidariedade internacionalista do pobo galego” e o pleno apoio a Nicolás Maduro.

Máis en Mundo
Comentarios