Crime en México

Cúmprese un ano da desaparición dos 43 estudantes de Ayotzinapa

O 26 de setembro de 2014, decenas estudantes da Escola Normal Rural de Ayotzinapa, no Estado de Guerrero (o Estado con máis cárteles en México), foron atacados pola policía de Iguala e por homes enmascarados. Desde entón, nada se sabe dos 43 estudantes desaparecidos.

[Imaxe: Fotomovimiento] Protesta pola desaparición dos estudantes de Ayotzinapa
photo_camera [Imaxe: Fotomovimiento] Protesta pola desaparición dos estudantes de Ayotzinapa

Nin apareceron nin aínda se fixo xustiza. Vai un ano desde que a policía asasinara tres civís e ferira unhas vinte persoas ao reprimir estudantes da escola rural que regresaban dunha manifestación estudantil. Desde entón, as protestas e mobilizacións non pararon en México, mais o caso, que serviu para amosar a relación entre as forzas de seguridade e os grupos criminais, continúa impune.

As autoridades deron por pechado o caso ao concluír que os mozos foron executados e incinerados no vertedoiro de Cocula, contiguo a Iguala. “Esta é a verdade histórica”, chegou a dicir o ex procurardor Jesús Murillo. Porén, forenses arxentinos e o Grupo de Expertos Internacionais da OEA manteñen que non hai evidencias científicas para esta afirmación.

Reunión do presidente de México coas familias

Na reunión que veñen de manter os familiares dos 43 desaparecidos co presidente, Enrique Peña Nieto, as persoas afectadas esixíronlle a investigación “da montaxe coa que se pretendeu enganar as familias”. Tamén volveron pedir a busca dos estudantes cunha unidade especializada e con supervisión internacional.

Tras a reunión, Peña Nieto, que asegurou que as pescudas non concluíron, sinalou que “vostedes e eu buscamos o mesmo, saber que pasou con todos e cada un dos seus fillos”. Pola contra, as familias expresaron o seu malestar cos compromisos presidenciais. “Non obtivemos nada”, salientaron en rolda de prensa posterior á reunión.

Fontes gobernamentais informan de 111 detidos que estarían involucrados na desaparición dos estudantes. Entre estas 111 persoas atópanse 71 policías locais e 40 da organización criminal Guerreros Unidos. Ademais, seguen apreixados o ex alcalde de Igualda, José Luis Abarca, e a súa dona, María de los Ángeles Pineda Villa, sinalados como autores intelectuais do ataque. Ambos os dous fuxiran tras terse coñecemento da desaparición dos estudantes.

Máis en Mundo
Comentarios