PROMOVEU A INDEPENDENCIA

Cúmprense 95 anos da desobediencia civil impulsada por Gandhi na India

Cúmprense 95 anos desde que Mahatma Gandhi, principal impulsor do nacionalismo indio, emprendera a campaña de desobediencia civil que abriu as portas á independencia da India ante o dominio británico.

GANDHI
photo_camera GANDHI

O 1 de agosto de 1920 comezaba na India a campaña de desobediencia civil impulsada por Mohandas Karamchand Gandhi (1869-1948) contra o imperio británico para lograr a independencia do país. Tras anos de medidas represivas, Gandhi propúñalle ao pobo indio a desobediencia civil a través da “non cooperación” –tamén chamada satyaagraha- e do boicot ás mercadorías e empresas británicas.

A partir deste primeiro de agosto, Gandhi emprendeu ao longo da India un gran movemento de resistencia pacífica e de desobediencia civil. Percorreu o país para explicar os obxectivos da iniciativa que implicou a paralización das institucións e a posta en marcha de industrias artesanais locais para boicotear os produtos ingleses.

As ideas de Gandhi foron seguidas por partidos políticos e líderes das comunidades musulmás e hindús. De feito, en decembro de 1921, o Congreso Nacional Indio nomeábao autoridade suprema. Foi entón cando xurdiu o alcume de Mahatma (grande alma).

En 1928 desenvolveu unha nova campaña de resistencia contra as autoridades británicas, intensificada coa proposta de non pagar impostos

A revolta foi tal que no 1922 Gandhi era apreixado acusado de sedición. Foi liberado dous anos despois e en 1928 desenvolveu unha nova campaña de resistencia contra as autoridades británicas, intensificada coa proposta de non pagar impostos. Centos de miles dos seus seguidores foron arrestados, incluíndo o propio Gandhi, que permaneceu na cadea até 1931.

En 1945, o Goberno británico estabeleceu conversacións coa Liga Musulmá e co Congreso indio a fin de crear dous estados: a India e o Paquistán, unha iniciativa que foi aceptada por Gandhi. Dous anos máis tarde, o 15 de agosto de 1947, Gran Bretaña concedíalle a independencia á India, o que provocou o desprazamento de millóns de persoas e o inicio de rebelións que afectaron, nomeadamente, Calcuta e Nova Deli. Gandhi respondeu cunha folga de fame indefinida como medida de presión para instaurar a paz, o que logrou tras 12 días de xaxún.

Máis en Mundo
Comentarios